Escoitar

O teatro centra as propostas do Auditorio Municipal para este fin de semana coas compañías Trasnada e Talía

A programación estable das artes escénicas do Auditorio Municipal propón este fin de semana dúas representacións teatrais. Mañá sábado, 4 de decembro, a compañía Trasnada interpretará a obra para público adulto "Post-Magritte" ás 20.30 horas. O domingo día 5, ás 18 horas, os nenos e nenas poderán ver "Valentino Rufino e Akil Pillabán de Viaxe a Milán", a cargo de Talía Teatro. Na web www.vigocultura.org pódese consultar o programa completo de actuacións que organiza a Concellería de Cultura.<br />

venres, 3 dec 2010
Con entrada de balde, a compañía Trasnada relatará mañá unha trama surrealista dun roubo a raíz dunha escena pouco habitual que descubre un axente de policía. Tirando do fío descobre unha situación desconcertante e un final con sorpresa. O elenco artístico está integrado por Conchi Rodríguez, María Bilbao, Laura Amez, Antonio Barreira e Fernando González.

A obra para público infantil que Talía Teatro levará o domingo ao escenario do Auditorio Municipal sitúase no século XVIII en Italia. Os actores Dani Trillo e Diego Rey contarán a historia do cabaleiro Valentino Rufini, de regreso a súa casa de Milán é abandoado polo seu criado, que se lle marcha cos cartos. O prezo das entradas para ver esta obra é de 3 euros os nenos e nenas de ata 12 anos e 5 euros os maiores. Pódense mercar na web www.laboleteria.es ou na propia taquilla unha hora antes do comezo da actuación.