mércores, 1 dec 2010
O alcalde fixo hoxe mércores entrega da licenza de primeira ocupación á cooperativa de vivendas protexidas que promove da Federación de Asociacións de Veciños "Eduardo Chao" en Navia. En total, sumadas as iniciadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo e polo sindicato UGT, o Concello deu nas últimas semanas licenzas para "720 vivendas libres de especulación". "Este é o modelo que queremos facer en toda a cidade de Vigo", concluíu.
mércores, 1 dec 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou hoxe que o alumeado de Nadal, que se inaugurará o vindeiro venres, mantén os criterios dos últimos anos nos que se tratou de conxugar o feito de que chegara a toda a cidade, xa que nunca antes se instalara en todas as parroquias; ao tempo que se sigue apostando polas zonas comerciais e se mantén o aforro enerxético. O nacionalista apuntou que o investimento mantense nos 200.000 euros que se destinaron o ano pasado.
mércores, 1 dec 2010
A concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, presentou hoxe a fase final do concurso "Ao mesmo son", que se celebrará o vindeiro venres na Sala Infierno coa actuación dos catro grupos finalistas e as actuacións de Berrogüetto e os vigueses The Crass. "Estmaos moi satisfeitas porque a participación foi moi boa", afirmou a concelleira. Presentáronse quince temas, dos que catro chegaron a fase final. Os grupos JIT, Romasanta, Ataraxía e Vacalouras serán os que o venres actúen por última vez diante do xurado para definir os tres primeiros premios.
mércores, 1 dec 2010
Abel Caballero e distintos edís da corporación municipal asistiron esta tarde ao acto organizado polo grupo IMAN na lonxa do Concello por mor do Día Mundial da SIDA. O grupo de autoapoio levou a cabo durante este mércores unha xornada de sensibilización coincidindo co Día Mundial de loita contra a VIH.