Escoitar

Santi Domínguez anuncia que o alumeado de Nadal chega a 21 parroquias, 38 rúas, 16 prazas e 7 mercados

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou hoxe que o alumeado de Nadal, que se inaugurará o vindeiro venres, mantén os criterios dos últimos anos nos que se tratou de conxugar o feito de que chegara a toda a cidade, xa que nunca antes se instalara en todas as parroquias; ao tempo que se sigue apostando polas zonas comerciais e se mantén o aforro enerxético. O nacionalista apuntou que o investimento mantense nos 200.000 euros que se destinaron o ano pasado.

mércores, 1 dec 2010
1291210578navida.jpg
vigoenfotos.com
Nesta campaña de Nadal o alumeado instalarase tamén en algunhas rúas que o ano pasado estaban en obras como Jenaro de la Fuente, Castelao, Coruña ou Castrelos. En total serán 38 as rúas da cidade que contarán con puntos de luz. Como se vén facendo nos dous últimos anos o alumeado de Nadal chegará tamén ás 21 parroquias, ademáis de aos sete mercados e 16 prazas.

Mantense igualmente como o ano pasado a duración e horario. O alumeado acenderase o 3 de decembro e apagarase 6 de xaneiro pola noite. En canto ao horario será de 18 a 22 horas, agás nas datas máis sinaladas, como son os días da ponte, 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro, que se prolongará ata as 3 da madrugada. O acendido do alumeado de Nadal terá lugar este venres ás 18:30 horas na Porta do Sol cunha actividade de animación de rúa, como xa ven sendo habitual nos últimos anos.

Como en anos anteriores, a campaña do alumeado foi consensuada coas asociacións de comerciantes da cidade. Santi Domínguez manifestoulles nunha xuntanza que "en tempos de crise e dificultades económicas a prioridade que temos na Tenencia de Alcaldía e na Concellería de Comercio é investir nas axudas directas ao pequeno e mediano comercio", por iso aínda que se puideron ampliar algunhas poucas rúas, non se contemplou un incremento do orzamento, nin dos espazos alumeados.

Os puntos de luz instalados son aproximadamente 900.000, mentres que os elementos (bonecos, estrelas, campás...) colocados foron 612 unidades e 200 o número de arcos. En canto á potencia da instalación é de 500 kw, estimándose un consumo de 79.000 Kwh.
Descargar todas as imaxes