Escoitar

A Xunta de Goberno Local aproba o Plan Municipal de Emprego 2008-2011<br />

O Plan presta especial atención aos colectivos con dificultades de inserción laboral, á calidade e seguridade no traballo, e ao apoio a empresas e emprendedores. O marco inclúe un total de 14 programas, dos que 8 son de nova creación, e aumenta a 250 os traballadores involucrados, "mais do dobre" que o Plan anterior, salientou o alcalde, Abel Caballero.

martes, 29 abr 2008
1209473132emprego1.jpg
A Xunta de Goberno Local aprobou este luns o Plan Municipal de Emprego 2008-2011, un documento elaborado en torno a tres eixos: a estrutura europea sobre emprego, o programa estatal de emprego, e o programa galego dentro do marco estratéxico de converxencia 2007-2013.

O texto presta especial atención aos colectivos con dificultades de inserción laboral. Ademais, atende á calidade e seguridade no traballo e presta apoio tanto a empresas como a traballadores e emprendedores.

A aportación municipal ascende a 1,5 millóns de euros, aos que se suma a aportación a realizar polos organismos autonómico e estatal. O PME abarca un total de 14 programas, 6 xa en marcha con anterioridade e 8 máis de nova creación.

Os distintos programas persiguen a estabilidade laboral, a calidade no emprego, o sustento aos emprendedores e autónomos, a inserción laboral e o emprego feminino. Para este último colectivo se elaboran dous programas específicos de acción. Tamén se presta atención aos parados de larga duración, que contan cun programa específico, e programas esperimentais, como obradoiros nos que os traballadores saen da aula para pasar a desempeñar a súa función de aprendizaxe nas rúas, colaborando co Concello no embelecemento da cidade, por exemplo.

O "programa estrela" do Plan de Emprego, en verbas do alcalde de Vigo, é o Pacto Local polo Emprego, que presenta dúas dimensións: un no ámbito de atención aos dependentes e a solicitude a Europa para que ésta financie con 3 millóns de euros o Plan de Emprego.

No Plan, coordinado polo Concello de Vigo, traballarán 250 persoas, "máis do dobre" que anteriormente, salientou Abel Caballero. O alcalde subraiou asemade o "consenso" acadado con "sindicatos e unións comarcais". A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) non presentou observacións ao documento cando lles foi enviado, e o goberno local tamén aceptou o texto. O alcalde avanzou que trasladará ao Grupo Popular o PME, na procura da súa conformidade cun Plan "ambicioso", que supón "un avance extraordinariamente importante" para a cidade.
Descargar todas as imaxes