Escoitar

Xuventude pon en marcha este venres a sexta edición do programa Castroconcertos, cun total de 34 actuacións

O vindeiro venres 2 de maio, ás 23:00 horas no escenario situado fronte a pista de bicicletas do parque de O Castro, dará comezo a sexta edición dos Castroconcertos, que forma parte do programa de ocio alternativo xuvenil da Concellería de Xuventude, "Súbete ao Castro". Nesta edición, serán 68 as agrupacións musicais participantes, que ofrecerán un total de 34 concertos entre os meses de maio e setembro, segundo anunciou a concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso.

martes, 29 abr 2008
12094734031208259966castroconcertos.jpg
"Os Castroconcertos, de entrada libre e gratuíta, queren ser a culminación dunha actividade formativa e de lecer da Concellería de Xuventude, que se inicia cos cursos gratuítos de formación musical", explicou Iolanda Veloso, quen indicou ademais que a meirande parte dos grupos musicais que participan neste programa son usuarios e usuarias dos locais de ensaio da Concellería de Xuventude. A concelleira do BNG subliñou, por outra banda, que este programa quere servir de "plataforma de lanzamento da creación musical da mocidade viguesa, ofrecéndolles un espazo onde presentar as súas creacións e a oportunidade de actuar en vivo.

Iolanda Veloso indicou que nesta iniciativa teñen cabida todos os estilos musicais, dende o hip hop até o death metal, pasando pola música experimental ou o jazz. Así, no primeiro concerto desta temporada, que terá lugar este venres 2 de maio, actuará Track Asedio, Duke Sam, Sikeity, Dr. Valda, Dj B-neil, Dj Fabio e Antuán, aínda que a axenda completa de actuacións atópase na web oficial do programa www.castroconcertos.org. Nas últimas cinco edicións dos Castroconcertos, realizáronse unha media de 16 concertos por edición, e de 31 grupos participantes, cunha asistencia total de 5.719 persoas. Nesta temporada serán, 34 concertos e 68 agrupacións as participantes.

"Cos Castroconcertos temos o obxectivo de ofrecer unha actividade moi atractiva don música en directo e ao aire libre, nun enclave excepcional como é o parque de O Castro, en pleno centro da cidade, ao conxunto da mocidade, como unha alternativa de lecer saudable", subliñou a concelleira.
Descargar todas as imaxes

Máis información