Escoitar

A Casa das Artes abre unha exposición antolóxica de Luis Torras

A exposición "Antolóxica Luis Torras" é unha producción propia do Concello de Vigo en colaboración coa Fundación Caixa Galicia, co obxecto de ampliar a difusión da obra do artista que conta cunha mostra permanente na planta segunda da Casa do Concello. A actual exposición antolóxica preséntase ao público de acordo cos grupos temáticos que predominan na obra do autor establecidos pola comisaria da exposición, Ana Pereira Molares.

luns, 28 abr 2008
1209389499luistorras.jpg
A exposición tamén pretende realizar un recoñecemento sincero a longo prazo e coherente labor creativo deste pintor vigués que é ademais, o último representante vivo daquela xeración de artistas nacidos nos anos iniciais do século XX que fixeron posible a aparición dun novo rumbo para a arte galega. Coa súa obra a plástica galega afástase dos gustos decimonónicos, vinculados a un rexionalismo en ocasións excesivamente folclórico e epidérmico, para transitar por unha nova senda na que se busca unha simbiose enriquecedora daqueles elementos autóctonos que fan diferente a cada terra, coas novas concepcións artísticas das diferentes vangardas.

Na figura, xa histórica de Luis Torras, dánse a man un home e un artista que concibiron a vida e a creación como un acto íntimo, reflexivo, incluso ascético, que se traducen nunha coherente actividade pictórica que se ven desenvolvendo ao longo de máis de 60 años, fiel a ela mesma e allea ás modas e ás variantes de estilo.

A través de 54 obras de diversas épocas, mesmo algunha producida neste ano 2008, a mostra analiza as paisaxes, os bodegóns, as figuras humanas e as escenas taurinas que reflexan dun modo claro como o pintor galego desenvolve a súa produción voluntariamente centrada nestes apartados temáticos, con carácter de case exclusividade. Na exposición destácanse as paisaxes: as paisaxes castelás, as terras de Galicia, as vistas de vilas ou cidades; os outros temas, escenas taurinas, bodegóns e retratos tamén teñen un espazo salientable nunha coidada montaxe.

Con motivo desta exposición o Concello de Vigo edita un catálogo que inclue textos da comisaria, Ana Pereira Molares, e de outros especialistas na arte galega: Román Pereiro Alonso, Din Matamoro e María Luisa Sobrino. A fotografía do catálogo está realizada por Enrique Touriño Marcén.

A exposición podese visitar do 29 de abril ata o 1 de xuño na Casa das Artes, en horario de luns a venres, de 18,00 a 21,30; sábados: de 11,00 a 14,00 e de 18,00 a 21,30; domingos e festivos: de 11,00 a 14,00

ANA PEREIRA MOLARES
Comisaria da exposición "Antolóxica Luis Torras"

Licenciada en Historia da Arte pola Universidade Autónoma de Madrid, onde obtivo Premio Extraordinario Fin de Carreira, e Doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela.

Ao longo da súa traxectoria profesional compaxinou a actividade docente, impartindo clases nos ámbitos do ensino secundario e universitario, cun intenso labor investigador, centrado fundamentalmente no estudo dos diferentes perfís tipolóxicos da arquitectura do período barroco.
Como froito deste traballo viron a luz ademais de numerosos artigos publicados en diferentes revistas especializadas, varios libros entre os que poden destacarse: La arquitectura del pazo en Vigo y su comarca publicado polo C.O.A.G., Os Pazos. Moradas fidalgas de Galicia, editado baixo o patrocinio de Galaxia. De recente aparición é Arquitecturas y arquitectos en la Diócesis de Tui. Siglos XVII y XVIII, publicado pola Fundación Pedro Barrié da Maza, e que ten como base a tese doutoral defendida na Universidade de Compostela, coa cualificación de Sobresaínte cum laude.

Nos últimos anos este eixo de investigación desenvolvido ao redor da realidade arquitectónica dun espazo e un tempo determinados, viuse complementado con outras liñas de reflexión orientadas ao ámbito das artes plásticas contemporáneas e máis concretamente ao da creatividade feminina, que se concreta en publicacións como Pintoras viguesas del siglo XX: el largo camino hacia un arte existente.

A estes traballos de carácter docente e editorial habería que unir a súa actividade como comisaria, conferenciante, articulista de prensa e a súa participación en numerosos congresos relacionados con diferentes facetas da realidade socio-artística.

En 1998, é designada Membro Numerario do Instituto de Estudios Vigueses. Dende o ano 2003 é a profesora responsable do programa de didáctica de Historia da Arte impartida pola Fundación Caixanova , e así mesmo dos cursos de Iniciación á Arte Contemporánea que se desenvolven no Museo de Arte Contemporánea de Vigo.
Descargar todas as imaxes

Máis información