Escoitar

Doce locais do Casco Vello participan nas II Xornadas do Mexilón do 1 ao 18 de maio con racións a un euro

No marco das iniciativas desenvolvidas polo Concello de Vigo para dinamizar o Casco Vello, do 1 ao 18 de maio doce locais do barrio histórico da cidade participarán nas segundas Xornadas do Mexilón, segundo anunciou este venres o tenente de alcalde, Santi Domínguez. "Nestas xornadas ofertaránse racións deste molusco, coa elaboración que cada local elixa, cun prezo dun euro cada unha", explicou o tenente de alcalde.

venres, 25 abr 2008
1209125073xornadasmexilon250408.JPG
"Dende a Tenencia de Alcaldía queremos colaborar para que pouco a pouco este tipo de actividades teñan consistencia no tempo", salientou Santi Domínguez, quen ademais lembrou o gran éxito acadado na primeira convocatoria das xornadas, celebradas o ano pasado e tamén organizadas pola Asociación de Comerciantes Centro Comercial Aberto VigoVello . "É moi importante que aos esforzos de rehabilitación do Casco Vello, que xa empezan a ser visibles, se sume o traballo de dinamización para conseguir e a xente veña ao barrio", subliñou. Neste sentido, o nacionalista indicou que as actividades organizadas pola Asociación de Comerciantes Centro Comercial Aberto VigoVello "van dirixidas a acadar este obxectivo, que repercute moi positivamente nos hosteleiros e comerciantes do barrio".

A presidenta da asociación, Itos Domínguez, tras agradecer ao tenente de alcalde a súa colaboración e apoio, explicou que cada ración de mexilón será, como mínimo, de 300 gramos con cuncha. Según as previsións, repartiranse arredor de 300 kilos diarios do molusco durante os dezaoito días que duran as xornadas.

Cada local participante na actividade preparará o mexilón dun xeito determinado, elixido por el mesmo segundo a súa especialidade. Así, Alta Fidelidade o elaborará á vinagreta; o restaurante Rías Galegas o fará ao vapor; La Comidilla e a cervecería Gril's o prepararán ao vapor e á vinagreta; o restaurante Gamboa e a Taverna A Curuxa prepararán paté de mexilón; A Carbonara o fará en niño de algas con aliño de cangrexo; A Sopa Boba servirá ravioli de pataca e mexilón ao albariño; o Herba Luísa fará mexilón con tomate á albahaca; a Vinoteca Cabernet preparará mexilón en escabeche; a Pita Tola fará mexión á mariñeira en leito de hummus; e finalmente os Petiscos servirán os mexilóns bañados en viño agre de primaveira.

Como preludio das xornadas, o xerente da asociación, Anxo Méndez, sinalou que estase a preparar unha xornada de degustación o mércores, 30 de abril. Deste xeito, a praza da Princesa acollerá unha carpa na que se servirán os mexilón "para que a xente se anime a vir aos locais do Casco Vello os días das Xornadas do Mexilón". Méndez sinalou que as xornadas gastronómicas "son un elemento dinamizador de primeira orde, que atrae a potenciais clientes para comercio e hostelería e da a coñecer o Casco Vello de Vigo a toda a veciñanza da cidade e arredores".
Descargar todas as imaxes