Escoitar

Últimos días para ver a exposición "Laxeiro, debuxos inéditos VI. Anatomías" na Fundación laxeiro

O vindeiro domingo, 4 de maio, clausúrase a exposición "Laxeiro, debuxos inéditos VI. Anatomías" que amosa 22 debuxos inéditos do corpo humano realizados por Laxeiro durante toda a súa traxectoria.

martes, 29 abr 2008
1209469605laxeiro.jpg
A mostra, composta por bosquexos, estudos e obras rematadas, procedentes de coleccións particulares que nunca antes foran vistas polo público, rexistrou unha afluencia de público dunhas 2.500 persoas. Na exposición pode verse desde exercicios de academia dos nos trinta, procedentes da súa etapa como estudante na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid, ata pezas da súa última época, nos anos oitenta, pasando por estudos e bosquexos de espidos femininos, de corte naturalista da súa época de estadía en Vigo, nos anos corenta e debuxos de factura informalista, dos anos sesenta, da súa etapa arxentina.

A exposición ilustra a importancia que Laxeiro sempre lle deu á temática do corpo humano, cunha especial atención ao corpo feminino, tratado desde diferentes posicionamentos estéticos que falan da súa permeabilidade para o cambio estilístico sen deixar de ter unha grande persoalidade laxeiriana.

A montaxe, formulada para unha lectura intimista, como sempre acontece coa serie "Debuxos inéditos", ofrece unha oportunidade para achegarse ao aspecto procesual de Laxeiro, neste caso, no tratamento do corpo humano.
1209469605laxeiro.jpg
1209469634laxeiro2.jpg
1209469665laxeiro3.jpg
Descargar todas as imaxes