Escoitar
As modalidades de remo, taekwondo, vela e orientación reunirán a preto de 750 deportistas e 100 árbitros nos diferentes lugares de competición

A candidatura da Universiada trae catro campionatos de España á Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo será a partir do día 30 de maio, o epicentro deportivo universitario no ámbito estatal grazas á celebración de catro Campionatos de España. Neste eventos, que se enmarcan dentro da candidatura á Universiada de Verán de 2013, reuniranse preto de 750 deportistas e 100 árbitros das modalidades de remo, taekwondo, vela e orientación.

martes, 29 abr 2008
A primeira destas citas será a do Campionato de España Universitario de Remo, que se celebrará en Castrelo de Miño (Ourense) dende mañá e ata o 1 de maio. Un total de 130 deportistas de máis de 20 universidades de toda España participarán neste campionato onde parten como favoritas as Universidades de Málaga, Sevilla, País Vasco e a Politécnica de Cataluña. A Universidade de Vigo participará na proba con tres deportistas das modalidades de skiff (individual) masculina e feminina e en doble scull masculina.

Os outros tres campionatos se celebrarán os días 10 e 11 de maio no Pavillón Polideportivo do CUVI (taekwondo), no Porto deportivo de Punta Lagoa (vela), no Parque Natural de Cotorredondo (orientación, probas de media e longa distancia) e en Pontevedra (orientación, proba de sprint). Ademais, na xornada previa á competición están programadas sendas reunións técnicas destas modalidades deportivas no Hotel Hesperia de Vigo.

A Universidade de Vigo será unha das grandes bazas na modalidade de taekwondo, xa que quedou campiona universitaria por equipos nos dous últimos anos. A súa maior rival volverá a ser a Universitat de Valencia. O equipo vigués conta entre as súas filas con Lúa Piñeiro (superlixeiro feminino) e que xa asistiu á Universiada de Bangkok, Fernando Rascado (superlixeiro masculino), Bruno García (gallo masculino) e Ileana Rodríguez (medio feminino), co que se agarda repetir os éxitos acadados nas pasadas edicións.

No relativo ao Campionato de España de Vela, este ano acadouse o record de participación, xa que se superaron as 18 tripulacións que se establecen como máximo segundo o Regulamento Técnico do Campionato. A tripulación da Universidade de Vigo estará formada por María Grobas como caña (actual subcampiona da Copa de España de 420), Jorge Ríos, Clara Giraldo e Valentín Martín, un equipo con claras opcións á medalla. Entre as outras favoritas atópanse as tripulacións da Universidad de Alicante, Illes Balears e Universitat de Valencia.

Finalmente, o Campionato de España de Orientación acadará este ano unha gran expectación e relevancia por ser unha proba clasificatoria para o Campionato do Mundo Universitario que se celebrará en Tartu (Estonia) do 29 de xullo ao 2 de agosto. A Universidade de Vigo estará representada nesta proba por catro deportistas, con Martín Pazó como destacado. Entre as favoritas a gañar o campionato na categoría de damas atópanse Esther Gil (Universidad de Alicante), Ona Refolls (Universitat de Barcelona) e Alicia Gil (Universidade de Alicante). Na categoría masculina parten como claros favoritos para impoñerse nas tres carreiras Daniel Portal (Universidad de Extremadura) e Emili Selles (Politécnica de Valencia).