Escoitar

O xerente de Urbanismo di que as modificacións do Plan Xeral "non son relevantes"

O xerente de Urbanismo, Xavier Rivas, afirmou hoxe venres que as modificacións introducidas no PXOM para a súa segunda aprobación provisional "non son relevantes" nin cuantitativa nin cualitativamente.

venres, 20 abr 2007
1177072831xavierrivas200407.jpg
Durante un almorzo de traballo cos medios de comunicación, Rivas explicou que a principal modificación do Plan Xeral en relación á primeira aprobación provisional afecta a un conxunto de ámbitos clasificados como solos urbanizables e que perden esta consideración ao non admitila a Consellería de Política Territorial.

Trátase de cinco sectores situados no rural, como o de Chan do Labrador, xunto á Madroa, e Castañal, en Beade, aos que a Orde emitida pola Consellería o 19 de xaneiro non permite clasificar como urbanizables, xa que establece que deben ser rústicos protexidos. Segundo a previsión do Plan Xeral aprobado provisionalmente, correspondían a estes cinco ámbitos unhas 3.800 vivendas.

Xavier Rivas dixo en relación ao criterio da administración autonómica neste punto que "non ten sentido ningún", aínda que admitiu que o Concello non ten outra opción que acatar a Orde da Consellería.

Previsións de crecemento

As modificacións introducidas no PXOM deixan a previsión de crecemento urbanístico nunha capacidade neta de 102.000 novas vivendas para un período duns 20 a 25 anos, que é o tempo estimado en que, segundo afirmou Xavier Rivas, pode o Plan "chegar ao seu esgotamento total, que supoñemos será o esgotamento total do termo municipal en materia urbana".

Esta previsión, asegurou o xerente, responde a unha "demanda real acreditada" que a Xunta de Galicia "ten que asumir", e que o Plan cifra en 12 novas vivendas por cada 1.000 habitantes cada ano. Isto supón un aumento anual de 3.600 vivendas en Vigo para os próximos anos.

En relación a este crecemento urbanístico, Xavier Rivas asegurou que o desenvolvemento das infraestruturas básicas, como as de abastecemento e saneamento, "está definido" no Plan.
Descargar todas as imaxes