Escoitar

O MARCO acolle a primeira reunión da Delegación Galega de Asociacións de Amigos dos Museos

Este venres 20 de abril, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo acollerá un encontro dos representantes das Asociacións de Amigos de Museos de Galicia, organizado pola Federación Española de Amigos de los Museos (FEAM), por iniciativa da Agrupación de Amigos do MARCO.

xoves, 19 abr 2007
Esta xornada de traballo con representantes das Asociacións de Amigos de Galicia será o primeiro dunha serie de encontros que a FEAM proxecta manter con todas as asociacións federadas en distintos puntos da península, co fin de facer máis estreita a comunicación entre elas e afondar no coñecemento da realidade destes museos e das súas asociacións, e considerar posibles servizos que a FEAM lles poida ofrecer como membros asociados.

Así mesmo, preténdese poñer en valor o apoio das Asociacións de Amigos para a vida dos museos, e o feito de que persoas e entidades se impliquen na conservación e difusión do patrimonio histórico-artístico, potenciando os museos e centros de arte como entidades dinamizadoras da vida cultural dunha comunidade.

A reunión, que comezará ás 11.00 horas, estará presidida por Ana Luisa Delclaux, presidenta da FEAM, acompañada por Elsa Amatriaín, secretaria xeral da FEAM, e Daniela Sarraíno, presidenta da Agrupación de Amigos do MARCO e delegada da FEAM en Galicia. O encontro contará tamén coa presenza de presidentes de Agrupacións de Amigos de distintos museos e centros de arte de Galicia e do concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves.

Unha vez finalizada a reunión, haberá un xantar no restaurante do MARCO e unha visita ás instalacións e exposicións do MARCO guiada polo director, Iñaki Martínez Antelo, a partir das 16.30 horas.