Escoitar

O Consello da Xerencia debaterá as modificacións do PXOM o martes

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo reunirase o próximo martes ás 10.00 horas para decidir se leva a Pleno as modificacións introducidas no PXOM á vista da Orde emitida pola Consellaría de Política Territorial o pasado 19 de xaneiro.

xoves, 19 abr 2007
1176981404xeren190407.jpg
A entidade redactora do PXOM aprobado provisionalmente o 19 de maio de 2006 presentou na Xerencia de Urbanismo, o 27 de marzo deste ano, a documentación corrixida para cumprir a citada Orde. Esta documentación está descrita nun informe do que se deu conta no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo de hoxe xoves.

O Consello volverá reunirse o próximo martes con carácter extraordinario para debater as modificacións introducidas no PXOM e decidir se se levan a Pleno. Os grupos políticos marcarán na mesma reunión a data dese Pleno, no que o PXOM corrixido deberá aprobarse por maioría absoluta para ser remitido á Consellaría de Política Territorial.

Información pública

No Consello da Xerencia de hoxe xoves, o PSdeG-PSOE demandou mediante unha moción que o Plan Xeral sexa sometido a información pública durante un mes antes de que se chegue a un novo acordo de aprobación provisional e de que se remita á Xunta de Galicia.

Os socialistas xustificaron esta petición indicando que os criterios de clasificación do solo no PXOM aprobado inicialmente o 30 de decembro de 2004 e exposto ao público entre o 15 de xaneiro e o 15 de febreiro de 2005 sufriron "importantes modificacións" na aprobación provisional e no documento preparado para a segunda aprobación provisional.

Neste sentido, o PSdeG-PSOE sinalou a inclusión de dous tipos de solo (rústico de protección ordinaria e urbanizable non delimitado) que "supón a adopción de novos criterios de clasificación". Os socialistas referíronse tamén a "importantes" alteracións nos sistemas xerais, como o último tramo da Ronda e a situación da nova depuradora.

A moción do PSdeG-PSOE foi rexeitada ao votar en contra dela o PP e absterse o BNG.

PEPRI do Casco Vello

Foi aprobada, en cambio, cos votos favorables de PP, PSdeG-PSOE e BNG, unha moción presentada polos nacionalistas para que a Xerencia Municipal de Urbanismo poña a disposición do público en xeral, "de xeito urxente", todos os elementos que compoñen o PEPRI do Casco Vello, para que poida ser consultado e coñecido.

Na súa moción, os nacionalistas propuxeron tamén que se lle traslade unha copia do PEPRI á Consellaría de Vivenda e Solo e ao Consorcio do Casco Vello, así como á Asociación Veciñal e Cultural desta área da cidade.
Descargar todas as imaxes