Escoitar

O Arquivo Pacheco quere darse a coñecer cada vez máis

O concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, presentou hoxe venres un resumo das actividades do Arquivo Pacheco durante o último ano, das que salientou a súa vontade de difundir a súa presenza entre os vigueses e os foráneos, con exposicións como a que se realizou cos seus fondos na cidade brasileira de Niteroi, así como as actividades didácticas para nenos.

venres, 15 set 2006
1158326254pacheco150906pres.jpg
A de Niteroi foi a primeira saída de fondos do Arquivo Pacheco ao estranxeiro, aproveitando a Semana de España que se celebra nesa localidade de Brasil. A exposición, que mostraba os últimos cen anos da historia de Vigo, foi premiada cunha grande asistencia e boas críticas por parte da Sociedade Fluminense de Fotografia.

Ignacio López-Chaves anunciou que os fondos do Arquivo Pacheco "van seguir viaxando", con mostras en Betanzos, o 16 de outubro, e en Santiago, o 12 de novembro, que o Concello espera sexan posibles grazas a contactos que actualmente mantén coa Deputación da Coruña. Esta "aposta pola itinerancia" levará o Arquivo Pacheco por Galicia, España e o resto do mundo, segundo afirmou o concelleiro.

No que á actividade en Vigo se refire, recentemente clausurouse a exposición "Marcas de Luz", composta por máis de 300 retratos de estudo de principios do século XX. Ademais, continuaron as actividades didácticas para nenos e nenas, dirixidas a grupos de non máis de 30 cativos e nas que participaron 21 centros educativos e arredor de 1.200 escolares. Así mesmo, o persoal do Arquivo continuou cos seus labores de conservación, dixitalización e limpeza dos fondos.

É por isto que o concelleiro de Cultura afirma que o Arquivo Pacheco "goza de boa saúde" e "multiplicou as súas actividades" nos últimos tres anos, abríndose ás xentes de Vigo e de fóra da cidade, así como aos investigadores.

Pola súa parte, o director do centro, Lois Cea, salientou a existencia entre os fotografos colaboradores do Arquivo dunha "nova xeración que segue mantendo a filosofía de Pacheco". Ademais, Lois Cea mostrou o seu agradecemento ás arredor de 240 persoas que colaboran co Arquivo achegando fotografías da súa propiedade. Grazas a elas os fondos do Arquivo Pacheco contan con 800 imaxes máis. O director do centro afirmou estar seguro de que moita xente en Vigo ten fotografías de Pacheco.
1158326254pacheco150906pres.jpg
1158326412niteroi.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información