Escoitar

Vigo cerra unha temporada de praias caracterizada polas melloras e as Bandeiras Azuis

A temporada de praias cerrouse hoxe venres cun acto conxunto en Samil no que participaron a Cruz Vermella, Salvamento e os voluntarios, e ao que asistiu a alcaldesa, Corina Porro.

venres, 15 set 2006
1158327950samilpalmeiras.jpg
Solpor en Samil
Un total de 230 persoas traballaron este verán nas praias de Vigo para velar pola seguridade e a limpeza. Concretamente, Cruz Vermella, con oito postos, achegou 90 persoas; Socorrismo, con nove postos, 35 persoas, e Protección Civil, con postos volantes de apoio en todas as praias, 30 persoas. Ademais, houbo 37 persoas dedicadas á limpeza de praias e 28 que traballaron na limpeza de xardíns e de accesos aos areais.

Melloras

Entre as obras de mellora que se levaron a cabo na praias de Vigo sobresaen as de recuperación do areal do Vao. Así, recupeouse a duna primaria, ademais de 5.000 m3 de area que había debaixo da terra. Tamén se retirou terra ao vertedoiro, derrubouse o palco, eliminouse o campo de fútbol e retirouse o estanque. Con esta obra, que se iniciou hai tres meses e que está a piques de rematarse, recupéranse 8.000 m2 de dunas e 4.000 m2 de areal.

Outras obras de mellora foron as seguintes:

- Traballos de mellora da praia da Punta, en Teis
- Por primeira vez sinalizouse mediante bandeiras o nivel de radiación ultravioleta que se recibe nos areais do Vao e Samil. Dado o éxito desta iniciativa, o ano que vén estenderase a todas as praias con bandeira azul
- Continuaron as melloras nos servizos de duchas nas praias, trasladándoos fóra dos areais e conectándoos á rede de saneamento.
- A partir de hoxe venres continuarase traballando na preparación das praias para o ano que vén, arranxaranse os servizos hixiénicos e os accesos ás praias (como a de Carril, en Alcabre, obra que realizará Costas)

Bandeiras azuis

A praia da Fontaíña conseguiu, por primeira vez, a Bandeira Azul que concede a unión Europea. Este ano foron sete os areais vigueses que obtiveron esta distinción, unha máis que o ano pasado. Son as seguintes: O Vao, Tombo do Gato, Argazada, Fontaíña, Rodas, Canido e A Punta. Samil, por segundo ano consecutivo, non luciu a Bandeira Azul, aínda que este ano tampouco se solicitou.
Descargar todas as imaxes