Escoitar

"Cor e Harmonía", de José María Barreiro, desde hoxe xoves na Casa das Artes

A exposición "Cor e Harmonía", composta por 39 óleos e 8 debuxos de <a href = 'http://www.jmbarreiro.com/'>José María Barreiro</a>, será inaugurada hoxe xoves ás 20:00 horas na Casa das Artes, onde permanecerá ata o 29 de outubro.

xoves, 14 set 2006
1158237025gaiteiro.jpg
"Gaitero"
A obra deste artista, nado en Forcarei en 1940, canalízase a partir da constante revisión da luz e da cor, dous elementos fundamentais que emprega ao longo da súa traxectoria para crear un impacto fulminante. Nesta busca constante sitúase a dinámica conceptual da súa postura ante a arte, a ollada que proxectou sobre uns temas máis ou menos permanentes pero sempre subordinados a unha particular recreación dos valores plásticos.

Grazas á arte de José María Barreiro, a luz e a cor transfórmanse na metáfora dunha existencia ideal, endebedada co gusto kantiano polas formas, transcendendo calquera historia. É así como o pintor tenta facer posible que a súa obra se convirta en modelo dunha pegada da vida, onde se vexa reflectida a esperanza doutra maneira de vivir e de sentir.

Esta visión da arte consolídase en Barreiro no París de 1963, onde a súa avidez de experiencias estéticas se alimenta dunhas referencias que, malia a se citaren no seu caso ata a saciedade, non deixan de ser certezas que el mesmo asume como o ensino necesario para ser pintor, despois de sintonizar coa sensibilidade do mellor legado pictórico do século XX.
Descargar todas as imaxes

Máis información