Escoitar

Alfonso Zulueta e María Teresa Fernández, galardoados co I Premio á Solidariedade

Alfonso Zulueta de Haz e María Teresa Fernández Cabaleiro reciben este mércores da man da alcaldesa, Corina Porro, o galardón do I Premio á Solidariedade do Concello de Vigo polo seu labor a favor das persoas con discapacidade intelectual. O acto terá lugar no pazo-museo Quiñones de León ás 19:00.

mércores, 13 set 2006
1158149109AZulueta1.jpg
Alfonso Zulueta de Haz
O Premio á Solidariedade foi convocado en xullo deste ano por primeira vez co obxectivo de recoñecer e fomentar o compromiso coas persoas en desvantaxe social por parte de persoas físicas ou xurídicas que desenvolven o seu labor na cidade de Vigo. Os candidatos ao galardón podían ser propostos por calquera entidade pública ou privada legalmente constituída.

A única proposta presentada resultou ser a da Federación de Asociacións Pro-Persoas con Discapacidade Intelectual de Pontevedra (FADEP), que de feito foi a entidade que lle suxeriu ao Concello a creación deste premio.

Os candidatos de FADEP, Alfonso Zulueta e María Teresa Fernández, reciben hoxe mércores o seu galardón de mans da alcaldesa como recoñecemento á súa longa traxectoria de axuda ás persoas con discapacidade intelectual.

Alfonso Zulueta de Haz naceu en Vigo en 1924 e exerceu a profesión de notario, ademais de na súa cidade natal, en Málaga, Marín e Ferrol. Profesor de Dereito Galego na Universidade da Coruña, foi membro da Corte Arbitral da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo. Desde abril de 2002 ocupa o cargo de Presidente do Consello da Cultura Galega. Así mesmo, é presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, fundador e presidente da Fundación Tutelar Galega para Minusválidos Psíquicos Sálvora e académico de honra da Academia de Lexislación e Xurisprudencia de Galicia.

María Teresa Fernández Cabaleiro foi unha das galardoadas en 2003 na entrega de premios Galicia en Feminino, promovidos pola Consellaría de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude. Concretamente recibiu o Premio á Participación Social das Mulleres. Na actualidade é a presidenta da Asociación Xoán XIII para Deficientes Psíquicos, entidade de iniciativa social sen ánimo de lucro que naceu en 1968 adaptada a actividades de integración social e formación laboral. Dáse a circunstancia de que Alfonso Zulueta é asesor xurídico desta asociación.
1158149109AZulueta1.jpg
1158149129MTFdezCabaleiro.jpeg
Descargar todas as imaxes