Escoitar

Corina Porro visita as obras arqueolóxicas das mámoas do monte Vixiador

A alcaldesa, Corina Porro, visitou hoxe martes as obras arqueolóxicas das mámoas do Monte Vixiador, que se levan a cabo desde hai catro semanas dentro dun convenio coa Comunidade de Montes de Candeán polo que o Concello achega 90.000 euros.

martes, 12 set 2006
1158063061mamoa.jpg
A intervención arqueolóxica ten por obxectivo a recuperación dos túmulos funerarios situados en Costa Freiría e Chan dos Touciños. O primeiro deles ten 16 metros de diámetro, atinxe unha altura de 1,6 metros e conserva 10 pedras da que fora a súa estrutura orixinal. O outro túmulo ten un diámetro de 20 metros e unha altura tamén de 1,6 metros. Está previsto que os traballos da fase arqueolóxica estean rematados en unha ou dúas semanas.

Unha vez finalizada esta fase, procederase á apertura de sendeiros que permitan conectar as mámoas recuperadas e colocar os correspondentes elementos de sinalización e información divulgativa. As obras desta fase de sinalización e traballos forestais deberán estar rematados antes de finalizar o ano.

O orzamento de 90.000 euros que achega o Concello divídese da seguinte maneira:

Intervención arqueolóxica: 30.904,33 euros
Musealización, sinalización e divulgación: 29.568,40 euros
Traballos agroforestais: 25.218,53 euros

Durante a súa visita, Corina Porro afirmou que "Vigo será un pobo rico sempre que sexa respectuoso coas súas raíces". Sobre os traballos arqueolóxicos en Candeán dixo que eran "unha asignatura pendente coa nosa Historia", así como cunha parroquia que "necesita de máis esforzo e máis intervencións".

Neste sentido, a alcaldesa lembrou, entre outras actuacións, as melloras que se levarán a cabo na rede de saneamento da zona de Carballal, por valor de 515.000 euros, así como a dotación dun campo de fútbol de herba sintética para a parroquia, obra que suporá un investimento de 500.000 euros e que se realizará grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra.
Descargar todas as imaxes