Escoitar

O MARCO reúne nunha exposición os patios de recreo de Galicia

O Museo de Arte Contemporánea (MARCO) convida os seus visitantes desde hoxe venres a elaborar un arquivo fotográfico colectivo de todos os patios de recreo de Galicia. A proposta parte do artista Martín Pena, autor da exposición "Espazos de Recreo", que ocupará o Espazo Anexo do museo ata o próximo 3 de decembro.

venres, 15 set 2006
1158317461marcomartinpena.jpg
O proceso de recompilación deste arquivo poderá observarse in situ no MARCO, coprodutor de "Espazos de Recreo" xunto co Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela e a Fundación Luis Seoane da Coruña.

O obxectivo da exposición é recibir achegas dos visitantes e, moi especialmente, as de todos os centros educativos de Galicia, que están do mesmo xeito convidados a suxerir actividades paralelas. Ata o momento, o arquivo conta coas fotografías, en diversos formatos, de máis de 40 colexios, ademais de deseños de actividades de aula, a proposta dun colexio de Vigo para realizar un mural, ou o vídeo dun concerto do "artista antes coñecido como Prince" que tivo lugar nun colexio da Coruña.

"Espazos de Recreo" pode visitarse de martes a sábados (festivos incluídos) de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00, e os domingos de 11:00 a 14:00. A entrada é libre e gratuíta.
Descargar todas as imaxes