Escoitar

Un domingo para os fotógrafos

Ás 11:00 horas do domingo 23 de xullo darase a saída ao XI Maratón Fotográfico, organizado pola Agrupación Fotográfica Galega co patrocinio do Concello de Vigo. Os participantes, que se distribuirán nas categorías analóxica e dixital, deberán usar as súas habilidades para plasmar nunha serie de fotografías catro temas elixidos pola organización.

venres, 21 xul 2006
1153483037maratonfoto210706b.jpg
Os temas serán revelados na mesma saída. Nese momento entregaráselle a cada participante o seu número de identificación e unha camiseta conmemorativa que deberán vestir durante o transcurso do Maratón. Os que participen na categoría analóxica recibirán un carrete de 12 fotos e os da categoría dixital, un CD. Todos deberán realizar as súas fotografías dentro dos límites do termo municipal de Vigo e pasar un control ás 18:00 horas no Museo Verbum-Casa das Palabras, en Samil.

Os fotógrafos da categoría analóxica deberán entregar o seu carrete na praza da Constitución, entre as 23:00 e as 00:00 horas. Os da categoría dixital deberán entregarlle á organización un CD ou soporte dixital (tarxeta de memoria), no cal incluirán as catro fotos que representen cada un dos temas propostos. Estas fotos serán descargadas a un ordenador e identificadas co número do participante.

O xurado, tras unha primeira selección, valorará as fotos seleccionadas (unha foto por concursante correspondente a cada un dos temas). Este xurado estará composto polo concelleiro de Festas ou a persoa en quen delegue, un membro da Asociación Fotográfica Galega e un mínimo de catro persoas de recoñecido prestixio, relacionadas co mundo da fotografía, da imaxe ou dos medios de comunicación.

Coas fotografías seleccionadas farase unha exposición na Casa das Artes, en data aínda por determinar. O veredicto do xurado terá lugar o día da inauguración desta exposición e será inapelable. Os negativos e copias das obras que non resulten premiadas poderán ser recollidas no local da Agrupación Fotográfica Galega durante os 15 días seguintes ao da clausura da exposición.

Os premios para os gañadores serán distintos segundo a categoría. Así, en analóxica, o primeiro premio será de 900 euros; o segundo, de 500, e o terceiro, de 200. En dixital, haberá un primeiro premio de 400 euros e un segundo de 250.

Este ano o Maratón Fotográfico conta coa colaboración do Arquivo Pacheco e do Museo Verbum. Froito desta colaboración, coas mellores fotografías realizadas polos participantes sobre o Verbum (un dos temas estará relacionado co Museo), realizarase unha exposición nese mesmo lugar, ademais dunha edición limitada de postais conmemorativas. Outro dos temas, aínda non revelado, terá que ver co Arquivo Pacheco.

Inscrición

Poderán participar no Maratón Fotográfico todas aquelas persoas interesadas que formalicen a súa inscrición na Agrupación Fotográfica Galega (rúa Uruguai, 17, entrechán) ata hoxe venres, de 19:00 a 21:00 horas. Tamén é posible inscribirse o mesmo día do Maratón na praza do Rei, entre as 09:30 e as 10:30. Ademais, os interesados poden realizar unha preinscrición por correo electrónico en agrupacionfotograficagalega@gmail.com. Para formalizar a inscrición, deberase pagar a cota no horario anteriormente mencionado.

Á hora de inscribirse haberá que indicar en qué categoría se quere participar, pois é obrigatorio optar por unha delas. En 2005, arredor da metade dos fotógrafos escolleron a categoría dixital, que existe desde hai tan só dous anos.

Os participantes deberán aboar cinco euros en concepto de inscrición. O número máximo de participantes será de 200, aínda que a organización espera que finalmente tomen parte no Maratón entre 125 e 150 persoas, como nos últimos anos.
1153483037maratonfoto210706b.jpg
1153483086maratonfoto210706.jpg
Descargar todas as imaxes