Escoitar
A Comisión das vivendas de Barreiro decidiu a relación de propietarios que ocuparán 100 vivendas

O Plan Xeral dá outro paso máis cara á súa aprobación provisional

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) deu hoxe xoves máis un paso no camiño que conduce á súa aprobación provisional, ao recibir o visto bo da Xunta de Goberno Local. O seguinte paso será o debate sobre o documento no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, o próximo luns día 15.

xoves, 11 mai 2006
1147350161PXOMxunta110506.jpg
Reunión da Xunta de Goberno Local
Ese mesmo día, inmediatamente despois do Consello da Xerencia, a Xunta de Voceiros reunirase para determinar a data e hora do Pleno extraordinario no cal a Corporación Municipal decidirá se aproba provisionalmente o Plan Xeral de Vigo. En caso afirmativo, abrirase un prazo de tres meses para que a Xunta de Galicia aprobe o documento de maneira definitiva.

O portavoz do Goberno municipal, José Manuel Figueroa, afirmou ante os medios de comunicación que o novo Plan Xeral suporá para Vigo "unha nova etapa que creo que necesita a cidade". José Manuel Figueroa dixo non querer "entrar en discrepancias" sobre o Plan Xeral e sinalou que "no Pleno xa discutiremos".

Anteriormente, durante o Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo celebrado este mesmo xoves, o representante do PSdeG-PSOE Mauricio Ruiz alertou da "situación complexísima" a que, segundo asegurou, levará o Plan Xeral no referente ao uso dos terreos de Plásticos de Galicia. Ademais, Mauricio Ruiz expresou a súa preocupación polo tratamento do problema dos ruídos molestos en zonas residenciais.

O concelleiro do BNG Henrique Viéitez, demandou na súa intervención que "se complete o mapa de ruídos" e pediulles aos grupos políticos que non utilicen este tema "como arma arreboladiza".

Pola súa parte, o representante do PG, Manoel Soto, instou o Goberno local a axustar a súa actuación política ás normas xurídicas do Estado de Dereito.

Comisión de Barreiro

Hoxe xoves tamén se reuniu a Comisión de Valoración das vivendas de Barreiro, que decidiu a relación de propietarios que ocuparán 100 vivendas de protección oficial en Barreiro. A lista de seleccionados publicarase nos xornais de Vigo o martes 16, data en que comezará o prazo, de 15 días, para presentar alegacións a este acordo. A lista definitiva quedará determinada o 30 de xuño.

Segundo a presidenta da Federación de Asociacións de Veciños "Eduardo Chao", Elena González, as vivendas poderían estar xa habitadas en decembro de 2008. O prezo destas vivendas rolda os 120.000 euros.
1147350161PXOMxunta110506.jpg
1147350220xeren110506.jpg
Descargar todas as imaxes