Escoitar

Os vigueses están bastante preocupados polo medio ambiente pero coñecen pouco os productos sostibles

A maioría dos vigueses están bastante ou moi preocupados polo medio ambiente pero unha porcentaxe importante afirma que isto non inflúe nos sus hábitos de consumo e a maior parte deles recoñece saber pouco dos productos que fomentan a sostenibilidade. Estas son as principais conclusións dun estudo presentado hoxe polo Valedor do Cidadán.

xoves, 28 xul 2005
1122552360valedor.jpg
O Valedor do Cidadán, Luis Espada, presentou hoxe xoves o libro "Estudo dos productos que fomentan a sostenibilidade no municipio de Vigo". Segundo explicou Luis Espada, o estudo que se recolle neste libro ten por obxectivo "averiguar o grao de coñecemento que teñen os vigueses dos productos que fomentan a sostenibilidade".

Para o Valedor do Cidadán, "o desenvolvemento sostible implica equilibrio social, económico e medioambiental". Luis Espada afirmou que "o mundo ten que evolucionar desta forma, quéirase ou non, porque non hai outra".

O estudo baséase en máis de 1.300 entrevistas a persoas residentes no municipio, usando a metodoloxía da Axencia Europea do Medio Ambiente. O formulario utilizado contén preguntas relativas ao grao de preocupación que o medio ambiente suscita no entrevistado, así como aos hábitos de consumo deste, relativos a productos que fomentan a sostenibilidade, como son os de comercio xusto, envase ecolóxico, certificación para madeiras e agricultura ecolóxica. Tamén se preguntou sobre o uso de papel reciclado, bombillas de baixo consumo, cisternas de dobre descarga e outros medios de aforrar enerxía e protexer a natureza.

Os resultados do estudo revelan que a maioría dos vigueses teñen un grao de preocupación medio-alto polo medio ambiente. Así, un 51% afirma estar bastante preocupado e un 30% asegura estar moi preocupado. No entanto, a maior porcentaxe (un 41%) di que esta preocupación ten pouca influencia nas súas compras, mentres que para un 33% ten moita importancia.

Por outra banda, a frecuencia de compra de productos sostibles por parte dos vigueses é baixa, non sendo no que respecta aos envases ecolóxicos, que son adquiridos sempre por un 4% e frecuentemente por un 24%.
Descargar todas as imaxes