O Concello transforma Pintor Lugrís coa instalación de ramplas mecánicas
Abel Caballero destaca un investimento de 1,5 millóns de euros para crear un corredor accesible e conectado entre López Mora e Hispanidade.
O alcalde definiu a humanización da rúa Pintor Lugrís como “unha humanización nunha nova dimensión” e que reforza o modelo de cidade accesible, verde e moderna impulsado polo goberno local. A nova rúa incorpora dúas novas ramplas mecánicas, amplas zonas verdes, novo mobiliario urbano e unha renovación integral do espazo público.
A actuación mellora a súa conexión co centro de saúde, o instituto e outros servizos da contorna. “É unha humanización de alto standing”, sinalou Caballero, destacando que o proxecto engade unha importante presenza de arborado, zonas axardinadas ao longo de todo o percorrido e novos espazos de estancia con bancos e mobiliario urbano renovado.
As dúas ramplas mecánicas suman 75 metros de lonxitude e facilitarán os desprazamentos nunha zona con importantes pendentes, reforzando a rede de mobilidade mecánica do Vigo Vertical. O alcalde destacou que a combinación de humanizacións, ramplas, escaleiras mecánicas e espazos verdes “xa forma parte da dinámica da cidade”.
Caballero lembrou que esta actuación terá continuidade coa próxima inauguración da fase de Pintor Colmeiro, o que permitirá completar un gran corredor urbano que conectará López Mora con Hispanidade.
O rexedor enmarcou a obra na transformación global da cidade e asegurou que Vigo continúa marcando tendencia en materia de mobilidade urbana e recuperación do espazo público. “Estamos facendo a cidade de mediados e finais do século XXI. Somos unha referencia”, afirmou.