O Concello converterá o barrio do Rocío nun referente europeo de arte urbana
O Goberno local contratará este venres a redacción dun proxecto de máis de 4,4 millóns de euros para humanizar o ámbito e crear unha gran intervención artística de Lula Goce.
Abel Caballero, anunciou que a Xunta de Goberno aprobará mañá a contratación da redacción do proxecto para a transformación integral do barrio do Rocío, unha actuación que pretende converter este singular enclave urbano nun referente europeo de arte urbana e recuperación do espazo público. O contrato para a elaboración do proxecto conta cun orzamento de 106.480 euros e un prazo de redacción de tres meses.
“Vai ser un cambio radical que converterá este barrio de Vigo nunha referencia en Europa”, asegurou Caballero, que avanzou unha actuación pioneira baseada na humanización, a mellora dos espazos públicos e a creación dunha gran intervención artística da recoñecida muralista galega Lula Goce.
A actuación centrarase inicialmente nas rúas Rocío, Arriba, Medio, Abaixo e Marín, un ámbito de 5.680 metros cadrados formado por vivendas unifamiliares construídas nos anos cincuenta e que constitúe un dos conxuntos urbanos máis singulares da cidade.
Segundo explicou o rexedor, o obxectivo non é alterar a estrutura urbana existente, senón reforzar o seu carácter propio e poñer en valor a identidade do barrio mediante a mellora dos espazos públicos e da calidade urbana. Entre as medidas previstas figura a reordenación dos estacionamentos nas rúas do Medio, Abaixo e Arriba, así como a coordinación das actuacións sobre medianeiras e fachadas para crear unha imaxe urbana coherente e integrada.
O ámbito pasará a ter carácter preferentemente peonil, mantendo o acceso ás vivendas, as operacións de carga e descarga e habilitando zonas específicas de aparcadoiro para residentes.