O Día da Muiñeira celébrase na rúa coa música e o baile de 47 grupos
Este domingo, 24 de maio, a rúa Venezuela será o escenario da celebración do Día da Muiñeira 2026 no que participarán 47 grupos tradicionais de Vigo, Mos, Salceda de Caselas, Tui, Gondomar, Redondela, Mondariz, Ponteareas e Moaña.
O alcalde avanzou que a cidade vivirá este domingo “unha grande celebración” con esta mobilización cultural nunha xornada “importante” que “pon en valor e dá visibilidade á música e ao baile tradicional a través de todos os grupos participantes”.
O Día da Muiñeira, que organiza a Asociación Cultural Interfolc e financia o Concello, reunirá este domingo a 30 entidades, cun total de 47 grupos e unhas 858 persoas, entre bailaríns e músicos na rúa Venezuela. Haberá 18 grupos de Vigo, 3 de Mos, 2 de Salceda de Caselas e 2 de Tui; de Gondomar 1, de Redondela 1, de Mondariz 1, de Ponteareas 1 e 1 tamén procedente de Moaña.
Os grupos concentraranse na rúa Marqués de Alcedo e comezarán a desfilar ata a rúa Venezuela a partir das 11:20 horas da mañá, coa previsión de que as actuacións comecen ás 12:00 horas.
Na presentación do Día da Muiñeira, celebrada este mércores no Concello, participaron Gorka Gómez, concelleiro de Cultura; Pablo González, presidente da Asociación Cultural Interfolc Internacional; Roberto Giráldez, responsable técnico da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais e Fátima Veiga, Noelia Barral, Adrián Bouzo e Roberto Martínez do Grupo Ledicia- Amieiras de Valadares. Caballero felicitou á Asociación Intefolc polo seu “papel excepcional na mobilización da música tradicional. Sodes unha parte importante da revitalización”.