A XI Andaina polos Montes de Vigo discorre por Zamáns, Beade e Bembrive
O próximo 31 de maio desenvolverase unha nova edición deste paseo que se enmarca no programa ambiental municipal “Camiño a Camiño”. A inscrición pode realizarse ata o 29 de maio no teléfono 010.
O alcalde informou este martes da celebración o domingo 31 de maio da XI Andaina polos Montes de Vigo dentro do programa medioambiental municipal “Camiño a Camiño”, que conta co patrocinio de Vegalsa-Eroski.
A andaina discorrerá polos montes de Zamáns e Beade – Bembrive e poderá completarse en tres modalidades: 20km, 12km e 6,7km. Ademais, a cativada poderá participar na Peque- Ruta de 1,5km de longo e, ao finalizar, terán actividades lúdicas pensadas para o seu entretemento como o tiro con arco e un rastrexo.
A saída será desde o Parque Forestal de Zamáns, percorrendo os sendeiros locais, pasando polo parque forestal de Beade e a área recreativa do Pouso en Bembrive, visitando lugares de interese medioambiental e etnolóxico. A chegada tamén estará en Zamáns onde poderá verse a exposición “Os servizos ecosistémicos nos montes de Vigo”.
A andaina é gratuíta e as persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 29 de maio a través do teléfono 010 (se quedan prazas libres, poderán anotarse o propio día, media hora antes do inicio de cada modalidade) .