Escoitar

L0rna, unha das primeiras confirmacións do cartel musical do Marisquiño 2026

O alcalde anunciou a actuación dunha das voces máis magnéticas e disruptivas do momento, na próxima edición do festival, que se celebra do 6 ao 9 de agosto en Vigo. El Virtual e Fresquito y Mango completan un avance musical marcado por algunhas das novas sensibilidades da escena urbana estatal.

martes, 19 mai 2026

O Marisquiño presenta o primeiro avance do seu cartel musical para a edición de 2026, que se celebrará en Vigo do 6 ao 9 de agosto, con tres das propostas máis singulares e persoais da nova escena urbana. L0rna encabeza estas primeiras confirmacións, nas que tamén figuran El Virtual e Fresquito y Mango, tres proxectos distintos, con imaxinarios propios, que axudan a entender como está a evolucionar a música urbana española.

Con L0rna como unha das voces máis magnéticas e disruptivas do momento, este primeiro avance complétase co universo emocional e introspectivo de El Virtual e co pop urbano e desenfadado de Fresquito y Mango. Trap, rap, melodías pop e cultura dixital conviven nunha proposta que debuxa o retrato dunha xeración capaz de mesturar estilos e referencias con absoluta naturalidade.

Os tres artistas chegan da man de Jägermusic, o programa musical de Jägermeister, que leva máis dunha década impulsando o talento emerxente e construíndo un espazo onde conviven a experimentación, a diversidade e o apoio real a quen comeza a abrirse camiño na música.

A programación musical forma parte da identidade do Marisquiño, que cada verán converte Vigo nun punto de encontro entre os deportes de acción e a cultura urbana. Os concertos, DJ sets e batallas de Freestyle Rap desenvolveranse na contorna da praia de Samil, un enclave privilexiado fronte ás illas Cíes e consolidado como epicentro do festival, onde tamén se celebran a maior parte das competicións e exhibicións deportivas.

O Marisquiño irá desvelando proximamente a programación completa desta edición, integramente gratuíta. No ámbito musical, a proposta será este ano aínda máis aberta e pensada para a diversidade de públicos que asiste ao festival.

Descargar todas as imaxes