FNAC Live Vigo súmase aos eventos do verán en Castrelos
Abel Caballero anunciou este mércores a primeira edición do evento que reunirá a The Rapants, Fillas de Cassandra, Eladio y los Seres Queridos e Bea Fernandes DJ.
O alcalde desvelou esta mañá un novo concerto de verán en Castrelos: o FNAC Live Vigo que se celebrará o domingo 16 de agosto. “FNAC trae estes grandes concertos con sabor moi local a cidades como París, Lisboa, Madrid e Barcelona e agora Vigo incorpórase”, apuntou.
O evento que se desenvolverá no auditorio natural da cidade contará con “tres grandes grupos” da escena galega. O primeiro, The Rapants, ao que Caballero definiu como “o grupo de actualidade en Galicia” e que “está arrasando cada vez que actúa”, converteuse nun fenómeno xeracional da escena indie.
Pola súa banda, Fillas de Cassandra é unha das revelacións máis potentes da música galega e acaban de estrear o seu último disco no que mesturan electrónica e raíces tradicionais. O festival tamén contará con Eladio y los Seres Queridos, que coa súa música “acompaña a Vigo dende hai tantos anos”. O cartel completarao Bea Fernandes DJ.
O cartel dos concertos deste verán en Castrelos, ata o momento, é o seguinte:
- Deep Purple - 2 de xullo
- La gran aventura del Pollo Pepe – 6 de xullo
- Molotov - 16 de xullo
- Coral Casablanca - 18 de xullo
- El traje del emperador – 20 de xullo
- Ópera Carmen - 24 de xullo
- Chayanne - 30 de xullo
- As noites de Zarzuela - 1 de agosto
- Abraham Mateo – 7 de agosto
- Ópera Nabucco - 9 de agosto
- The Corrs - 11 de agosto
- Viva Suecia - 14 de agosto
- Iván Ferreiro - 15 de agosto
- Fnac Live Vigo: The Rapans, Fillas de Casandra, Eladio y los Seres Queridos, Bea Fernandes DJ - 16 agosto