Vigo, cidade española co maior número de nenas e nenos saharauís acollidos este verán
O goberno municipal aprobará mañá os convenios de colaboración coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharahuí, para financiar os voos das nenas e nenos saharauís que este verán participarán no programa solidario “Vacacións en paz. Tamén recibirá luz verde o convenio coa Asociación Freixeiro de axuda ao necesitado.
Abel Caballero avanzou este xoves que Vigo acollerá, desde o mes de xullo ata a primeira semana de setembro, a 130 nenas e nenos saharauís que residen nos campamentos de Tindouf. “Vigo é a cidade con maior acollemento de toda España”, recalcou.
O Concello de Vigo achega este ano 70.000 euros para o programa “Vacacións en paz”, co que as nenas e nenos veñen pasar o verán a casas de familias da cidade.
Axuda
O alcalde informou da aprobación, na Xunta de Goberno de mañá venres, do convenio coa Asociación Freixeiro de Axuda ao Necesitado para a atención inmediata a persoas e familias en situación de necesidade, por un importe de 260.000 euros, desde 2026 a 2029. A asociación apoia a máis de 700 familias que necesitan axuda social.
O rexedor lembrou que a semana pasada o goberno municipal aprobou o convenio coa Fundación Casa Caridad de Vigo, Hogar San José, por 320.000 euros, entre 2026 e 2029.
Convenios de colaboración
O Concello de Vigo destina todos os anos un total de 555.000 euros para os comedores de distintas organizacións sen ánimo de lucro, aos que se suma un millón de euros do albergue municipal.
. Banco de Alimentos: 120.000 euros
. Misioneiros do Silencio: 84.000 euros
. Hogar San José: 80.000 euros
. Vida Digna: 51.000 euros
. AFAN: 65.000 euros
. Fundación Santa Cruz: 65.250 euros
. La Sal de la Tierra: 10.000 euros