Escoitar

Caballero salienta a transformación do Casco Vello na presentación do libro “XX anos reconstruíndo o corazón da cidade”

O alcalde participou este venres no acto celebrado na sede da Delegación de Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, onde puxo en valor a rehabilitación urbana e a recuperación social dun barrio “que pasou da neglixencia á excelencia”.

venres, 22 mai 2026

O rexedor olívico, Abel Caballero, participou este venres na presentación do libro “XX anos reconstruíndo o corazón da cidade (2005/2025)”, un volume que recolle dúas décadas de transformación do Casco Vello de Vigo. Durante a súa intervención, Caballero lembrou que foi no ano 2005 cando se iniciou “esta grande aventura de construción”, impulsada pola entón alcaldesa Corina Porro e pola Xunta de Galicia presidida por Emilio Pérez Touriño. Segundo explicou, aquel momento marcou o inicio dun “enfoque global” para recuperar un espazo que atravesaba “os peores momentos” e que precisaba ser reconstruído desde unha visión integral.

Tamén destacou que o Consorcio do Casco Vello arrancou cun capital inicial de 30 millóns de euros, que permitiu comezar a financiar inmobles e obras de rehabilitación. “O 70% da inversión do Consorcio neste espazo foi feito entre o ano 2005 e o ano 2009”, sinalou, subliñando o papel decisivo daquela primeira etapa na recuperación do barrio. Caballero incidiu tamén en que a transformación do Casco Vello non se limitou á vivenda, senón que implicou unha actuación urbana, social e cultural de grande alcance.

O alcalde salientou que o Concello levou a cabo humanizacións por importe superior aos 35 millóns de euros no ámbito do Casco Vello e que o conxunto das actuacións municipais ascendeu a 65 millóns de euros “para que a xente puidera vivir o barrio, que era imposible de vivir antes”. Tamén fixo referencia aos 7,2 millóns de euros investidos en actuacións de Vigo Vertical nesta zona, con escaleiras mecánicas, ramplas e ascensores que melloraron a conexión entre o Casco Vello alto e o baixo.

Na súa intervención, Caballero destacou ademais a importancia da cooperación público-privada e da Oficina Municipal de Rehabilitación, que permitiu actuar en doce áreas cun investimento de máis de 31 millóns de euros, dos cales practicamente 10 millóns procederon do Goberno de España e de fondos europeos. “Transformamos a neglixencia do que sucedía hai 25 anos na excelencia do Casco Vello”, afirmou Caballero, quen engadiu que aínda quedan actuacións pendentes e que o Concello seguirá traballando para completar a recuperación deste ámbito urbano.

O acto celebrado na sede da Delegación de Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, contou coa presenza, entre outros, da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz Álvarez; da conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue; e do secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heliberto García Porto. O rexedor felicitou ao Consorcio e a todas as persoas e institucións implicadas no proxecto, destacando que o libro presentado este venres é “unha síntese que quedará para sempre de como funciona a cooperación”. Na súa intervención, definiu a arquitectura como “unha forma de facer vida” e asegurou que o Casco Vello é hoxe “un lugar de encontro” no que a cidadanía volve pasear, convivir e recoñecerse. “Parabéns por este libro, parabéns polo traballo e moitas grazas”, concluíu.

 

Descargar todas as imaxes