O alcalde valora o espazo de innovación promovido por Zona Franca en Navalia 2026
Abel Caballero participou este martes na presentación da décima edición da feira do naval, que se celebrará no Ifevi do 19 ao 21 de maio, e que duplicará a superficie de innovación amais de incrementar a presenza de startups, profesionais e persoas emprendedoras do sector.
A sede do Consorcio da Zona Franca de Vigo acolleu a presentación da Zona de Innovación de Navalia, promovida pola Zona Franca, que dispoñerá de máis empresas, startups e profesionais que darán a coñecer as súas ideas para o naval e a industria marítima. Nestes momentos, hai 24 proxectos que confirmaron a súa presenza, un 50% máis ca en 2024, nun espazo que ocupará case 400 metros cadrados que serán gratuítos para as persoas emprendedoras.
Na súa intervención Abel Caballero destacou que Navalia “é unha aventura empresarial que se converteu nunha feira referencial en Europa”, consolidada hoxe como a primeira do sector en España e unha das tres primeiras do sur de Europa. Así, lembrou a orixe do proxecto hai máis de dúas décadas da man de José García Costas, presidente de Navalia, liderando un grupo de empresarios e investidores “que percibían a necesidade dun gran evento ao redor do naval que se conseguiu grazas á coordinación, á unidade e ao liderado de diferentes axentes desta cidade”, sinalando o apoio constante de Zona Franca. Amais, puxo en valor a intención da feira de pasar a ter periodicidade anual, a integración da Zona de Innovación como un espazo necesario para o talento novo e o acerto do Consorcio “na visión dos procesos aos que se ten sumar”.
David Regades, delegado de Zona Franca, salientou que o obxectivo da zona de innovación é “fomentar a colaboración para a innovación técnica e científica e para o éxito de empresas e emprendedores que supoñan avances na tecnoloxía do sector naval e marítimo, así como que os proxectos poidan captar investidores”. Tal e como explicou, na anterior edición de 2024 o espazo “foi un éxito e queriamos que seguise crecendo”. Tamén puxo en valor o “excelente momento do naval na ría de Vigo, líder na actividade nacional, en carteira de pedidos, en especialización e diversificación”, e definiu a Navalia como “a carta de presentación do modelo do sector naval de Vigo, con empresas que dan exemplo en innovación e tecnoloxía, e nos retos da industria 4.0, cun traballo moi especializado e de moito valor engadido que xera emprego de calidade para competir coas principais potencias do mundo”.
O presidente de Navalia, José García Costas, agradeceu a implicación da Zona Franca neste espazo, destacando a "sensibilidade" que tanto Abel Caballero como David Regades “mostraron sempre cara ao noso sector e, concretamente, cara ao xerme onde nacen as ideas e os proxectos de futuro". García Costas reiterou a necesidade de incentivar o ecosistema emprendedor dentro do sector naval xa que "a nosa industria está a vivir unha transformación profunda que vai moito máis alá da construción de buques".
A decana de AINE, Beatriz Spuch, enxalzou a importancia da innovación para "aumentar a nosa competitividade, tanto no ámbito da construción naval como durante a vida útil dos buques", ou no sector das enerxías renovables de orixe mariña e en todos campos relacionados coa economía azul. Amais presentou os proxectos seleccionados para a Zona de Innovación 2026: drons de sistemas de captación de enerxía, sistemas para utilización de novos combustibles, buques autónomos, sistemas de xestión e optimización de rutas, xemelgos dixitais e tecnoloxía 4.0, renderizado 3D ou soporte técnico especializado para o sector naval a través de imaxes realistas, entre outros.
Rosa Eguizábal, responsable de Promoción Económica do CZFV, destacou a experiencia e o coñecemento de Zona Franca na xestión do emprendemento “con programas modelo como ViaGalicia, ViaExterior, a BFA ou StartTIC que son importantes exemplos de éxito de aceleración de startups innovadoras capaces de dar solución ás demandas tecnolóxicas e aos retos do tecido empresarial.
A Zona de Innovación de Navalia ofrecerá ás startups un escaparate para a captación de investimento e para a apertura a novos mercados ao promover un espazo que será, durante uns días, o epicentro da industria naval e que concentrará a grandes corporacións e a investidores especializados”.