Escoitar

Vigo consolídase como destino turístico de Semana Santa cunha ocupación hoteleira do 85%

O alcalde fixo balance da Semana Santa, cualificándoa como “magnífica en termos turísticos”. Criticou a postura do Clúster de Turismo de Galicia, que defenden que o aeroporto de Vigo ten que especializarse en voos de negocios. “En Vigo imos a por todo o turismo”, incidiu.

luns, 6 abr 2026

Caballero destacou que Vigo “está a afianzar unha nova acción turística como é a Semana Santa”, lembrando que “hai dez anos practicamente nin existía como atractivo turístico na cidade”. Neste sentido, puxo en valor a ampla programación desenvolvida en diferentes espazos urbanos, con especial mención a iniciativas como o programa Vigo Rúa Máxica, que congregou a numeroso público na Porta do Sol. O rexedor tamén subliñou o éxito das procesións, que mobilizaron a milleiros de persoas, consolidando este período como “un novo espazo turístico e de lecer” impulsado polo Concello.

Aeroporto de Vigo

Abel Caballero criticou a posición do Clúster de Turismo de Galicia e da Xunta en relación co futuro do aeroporto de Vigo, acusándoos de “defender que Vigo non teña voos turísticos e que se limite a unha especialización que lle faría perder un ámbito fundamental”.

O rexedor subliñou que “Vigo é neste momento o principal destino turístico de Galicia”, polo que cuestionou que se promova a derivación de voos cara a outros aeroportos. “Estamos a incrementar o número de turistas e visitantes grazas á promoción que facemos desde o Concello”, incidiu.

“Falan de localismo, pero localismo é financiar voos en Santiago e non en Vigo”, afirmou o alcalde. Caballero reclamou que o “interese xeral” sería pagar o mesmo en ambos os aeroportos.

Finalmente, Caballero reivindicou o carácter global da cidade: “Vigo vai a todo, non só aos negocios. Aquí chegan visitantes por congresos, turismo, industria, pesca ou actividade empresarial. Somos Vigo”. Ademais, destacou a necesidade de competir para atraer voos, sinalando tamén a competencia do aeroporto de Porto, “que conta con conexións importantes que poderían operarse desde Vigo”.

Descargar todas as imaxes