Escoitar

O Ministerio de Transportes ratifica os prazos do Ave directo por Cerdedo acordados en 2025 co alcalde

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible ratificou esta mañá todos os prazos acordados entre as dúas administracións para o tren de alta velocidade Vigo-Ourense directo por Cerdedo. Caballero destacou que non haberá atrasos e que se mantén a folla de ruta trazada no 2025. “O ministerio está a cumprir en tempo e forma o acordado. Todo segue exactamente igual que o pactado hai dous anos: mantéñense os prazos, os tempos e as formas”, indicou.

martes, 7 abr 2026

O alcalde de Vigo explicou esta mañá que o Ave directo Vigo-Madrid por Cerdedo conta coa “garantía” do Ministerio de Transportes de forma que a Declaración de Impacto Ambiental “segue en tempo e forma” e estará aprobada en setembro do ano 2027. Previamente, a correspondente información pública comezará no mes de marzo, polo que “todo segue exactamente igual que o acordado hai dous anos co ministerio”.

Prazos

O rexedor lembrou que en febreiro de 2025 acordou, co director xeral e o subdirector do sector ferroviario do Ministerio de Transportes, licitar conxuntamente a tramitación ferroviaria e ambiental mediante un concurso para conseguir tres obxectivos: a redacción do estudo informativo, refundindo e actualizando o existente; a realización dos traballos ambientais complementarios do estudo hidroxeolóxico e a tramitación da Declaración de Impacto Ambiental. Entre os acordos figura tamén un prazo de catro meses para completar o estudo e a tramitación, así como 24 meses para conseguir a declaración de impacto ambiental.

Caballero explicou que o ministerio cumpriu “taxativamente” con estes acordos porque en abril de 2025 xa licitou o estudo informativo complementario máis a Declaración de Impacto Ambiental, e en setembro do mesmo ano asinou o contrato da adxudicación. “Actualmente está todo en marcha”, recalcou.

Ademais explicou que na resposta parlamentaria proporcionada polo Goberno constatouse o erro de vincular o contrato que prepara ADIF para o seguimento hidroxeolóxico da variante de Cerdedo, de 60 meses de duración, coa tramitación da Declaración de Impacto Ambiental. “A declaración de impacto ambiental non depende do estudo de ADIF” incidiu o alcalde ao recalcar que “o contrato de ADIF non ten nada que ver nin coa declaración de impacto ambiental, nin co proxecto, nin coa construción. É unha liña paralela para seguir observando as condicións hidroxeolóxicas”.

Descargar todas as imaxes