O Concello recepciona a obra das bancadas do parque Nelson Mandela de Navia
A actuación reconstruíu e transformou o muro do parque Nelson Mandela de Navia, xerando un espazo de lecer con bancadas, cun investimento de 450.273€. O alcalde explicou que “Navia é un lugar extraordinario e hai que seguir actuando alí”
“Hoxe recibimos a obra xa rematada do muro de contención do parque Nelson Mandela de Navia”, explicou o alcalde, apuntando que “é unha parte que se derrubara pola pésima condición coa que se fixo a zona do parque” e aproveitando a actuación "construímos xa unhas escaleiras para ter unha nova forma de acceso á parte intermedia”.
A obra supuxo un investimento de 450.273€, con achega da Deputación de Pontevedra, sobre a que recordou o rexedor que é “este goberno o que decidiu realizar esta actuación. A obra decídea o Concello de Vigo”. Ademais, explicou que “non nos regalan nada, a Deputación non doa magnanimamente cartos a Vigo”, senón que é a cidade a que achega “85 millóns de euros cada ano” ao ente provincial, e “só retornan cinco”. Aproveitou o alcalde para repasar as grandes actuacións realizadas en Navia, “un lugar extraordinario” no que “hai que seguir actuando”. Citou así a humanización da rúa Teixugueiras, da rúa Xuncal ou da rúa Bravo, amais da construción dunha biblioteca de lectura, do segundo pavillón polideportivo máis importante de Vigo e do Máis que Auga con piscina e zona de deporte. Tamén a remodelación integral do Parque Nelson Mandela, a cubrición do patio do CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, "que tiña que facer a Xunta", unha escola infantil e "obrigamos á Xunta a facer un instituto de Secundaria e estamos facendo unha pista de skate cuberta".