Abel Caballero reafirma a súa demanda da gratuidade da AP-9 “dende Tui ata Ferrol”
“Estamos pagando peaxe porque no ano 2000, Aznar, presidente do Goberno do Partido Popular, prorrogou a peaxe”, explicou o alcalde, sinalando que “tería acabado no ano 2023 e levariamos neste momento case 3 anos sen pagar”.
Caballero reiterou esta mañá unha das reclamacións que realiza “desde que son alcalde”, como é a gratuidade da AP-9 “dende Tui ata Ferrol”. E fixo fincapé en que lla pediu a gobernos de diferentes cores políticas como Zapatero, Rajoy e Pedro Sánchez, pero “o certo é que o Partido Popular non reclamou nunca a gratuidade cando gobernaba Rajoy”.
“Estamos pagando peaxe porque no ano 2000, Aznar, presidente do Goberno do Partido Popular, prorrogou a peaxe”, explicou o alcalde, sinalando que “tería acabado no ano 2023 e levariamos neste momento case 3 anos sen pagar”. Nestes intres a prórroga estableceuse ata o ano 2045, acción sobre a que Caballero apuntou que “é posible que sexa ilegal”.
Explicou tamén o rexedor que as forzas da oposición buscan “que os branqueemos”, porque “o Bloque opúxose terriblemente -á autoestrada- dicindo que era unha navallada a Galicia” e o Partido Popular “privatizándoa e condenándonos ata o ano 2045 prorrogando a concesión”. Afirmou ademais que “téñennos que pedir perdón, perdón a Galicia” e “cada un ten que asumir a súa historia”. Rematou Caballero expoñendo que “eu toda a miña vida reclamei esta autoestrada e a gratuidade desta autoestrada desde que son alcalde” e “nin un só día deixo de reclamala”.