Caballero: “A obra da Xunta na ETEA afundiu parte do campo de fútbol”
O alcalde denuncia danos no campo municipal da ETEA e avanza que o Concello actuará de maneira subsidiaria se a Xunta non resolve a situación nun prazo de cinco días.
O rexedor denunciou que os traballos de movemento de terras realizados durante a obra que acomete o Goberno da Xunta provocaron o afundimento dunha parte do campo municipal de fútbol e rugby situado na zona.
“Non só fan unha obra equivocada pola súa ubicación, senón que ademais danan unha instalación municipal. Inutilizaron un campo que é de uso público”, sinalou, explicando que o Concello viuse na obriga de pechar a zona por razóns de seguridade.
Caballero quixo deixar claro que a responsabilidade dos danos corresponde á administración autonómica. “Foi a Xunta quen realizou a actuación, e temos que pechar o campo por seguridade. Quero que os usuarios saiban exactamente como están as cousas”, indicou. Así anunciou que o Concello concedeu un prazo de cinco días á Xunta para que resolva a situación e repare os danos ocasionados. “Se non o solucionan nese prazo, actuarémos nós e pasarémoslles a factura”, advertiu.