Escoitar

O alcalde destaca a importancia socioeconómica das empresas do palangre estudadas no informe ARDÁN

O presidente de Zona Franca, Abel Caballero; o delegado especial do Estado no Consorcio, David Regades; a xefa do Servizo ARDÁN, Susana Lama; o profesor a Universidade de Vigo, Xavier Martínez Covas; o xerente de Opromar, Juan Carlos Martín Fragueiro; e a subdirectora xeral de Acordos e Organizacións Rexionais de Pesca do ministerio, Teresa Molina, destacaron hoxe, na presentación do informe das empresas pesqueiras asociadas a Interfish-España, o impacto económico e social dun sector que xera 4.813 empregos e alcanza unha produción de 855 millóns de euros .

martes, 17 feb 2026

Abel Caballero, destacou este martes, ante os presidentes da Cooperativa de Armadores de Vigo e de Conxemar, así como ante os responsables das organizacións Opromar de Marín, OPP-7 de Burela e Orpagu de A Guarda, que asistiron á presentación do informe da Cátedra Ardán “Estimación do impacto económico e social das empresas pesqueiras asociadas a Interfish-España”, o traballo dun sector pesqueiro, que segundo os datos de 2023, foi “capaz de facer a extraordinaria función de traer 26.000 toneladas de proteínas de calidade desde tantos lugares do mundo”.

O alcalde, tras apuntar que un dos fitos máis importantes de Vigo é o Nadal “porque nos puxo no mundo”, destacou a transcendencia da actividade económica xerada polas empresas pesqueiras de Interfish xa que asegura que “teñen unha importancia económica equivalente á terceira parte do Nadal de Vigo”.

David Regades, delegado de Zona Franca, destacou o traballo da Cátedra Ardán, por asegurar que se trata “dunha ferramenta moi útil para o sector industrial e da pesca”, así como o valor das empresas asociadas en Interfish por agrupar a toda a cadea de valor mar-industria. “Non só é economía, pesca, senón tamén sostibilidade pesqueira e ambiental”, destacou. O profesor Xavier Martínez Covas, autor do informe, explicou que as 26.000 toneladas de tintorera, peixe espada e marraxo, xeran un valor de 115 millóns de euros na lonxa, que aumenta a 257 millóns na comercialización e xera investimentos por valor de 30 millóns de euros. Incidiu en que o impacto “directo” das empresas de Interfish ascende a 30 millóns de euros en salarios, lanzando un salario medio bruto de 45.000 euros ao ano. Apuntou que o sector, ademais de xerar un importante valor económico e social e achegar á soberanía alimentaria, cumpre sete obxectivos de desenvolvemento sostible.

O director de Opromar, Martín Fragueiro, destacou o “enorme esforzo do palangre de superficie integrada fundamentalmente a frota galega” e a compoñente familiar das empresas de Interfish.

Teresa Molina remarcou a extensión dun sector pesqueiro que conta con 126 buques faenando en tres océanos e que sitúa a España como referente internacional.

 

 

 

Descargar todas as imaxes