A humanización da rúa Lepanto finalizará en dous meses
O alcalde abordou este martes o progreso da obra de humanización “de alto nivel” que o goberno municipal está acometendo na céntrica vía, que ten un orzamento superior ao millón de euros.
“Seguimos facendo das humanizacións un elemento central na cidade” explicou o rexedor ao dar conta do progreso das obras na rúa Lepanto, que teñen un importe superior ao millón de euros e que rematarán previsiblemente en dous meses.
As actuacións supoñerán a renovación íntegra da pavimentación actual, tanto das beirarrúas como da vía e dos principais servizos urbanos. Cámbiase a iluminación con 19 novos puntos de luz e as redes de saneamento e abastecemento; instálanse 3 novos semáforos e plántanse 22 árbores en ambas as beirarrúas, 120 especies arbustivas e unha nova rede de rega. Amais, quedará renovado todo o mobiliario urbano e a conexión co túnel da AP9 e co aparcamento.
Chans Bembrive
O rexedor anunciou hoxe que ás obras do Concello do peche da parcela do Colexio Mestres Goldar; á mellora dos accesos á escola infantil Villa Laura; á reparación dos muros de contención dos centros Mosteiro Bembrive e Emilia Pardo Bazán, cun investimento de 400.000 euros, súmase a mellora das instalacións deportivas do Chans Bembrive coa adxudicación do contrato para reparar o sistema de recollida da choiva na pista. O Concello destinará 10.617 euros para mellorar a situación das instalacións “para que se poida practicar o deporte no colexio”, remarcou”.