Abel Caballero celebra a chegada da Moi Alta Tensión a Vigo
O Goberno de España destinará 72 millóns de euros para realizar a conexión dende Atios (O Porriño) ata Vigo. O alcalde reafirmouse en que “a miña presión é sempre a favor de Vigo, goberne quen goberne”.
“A Moi Alta Tensión eléctrica chega a Vigo tras tantos anos de pelexa e de insistencia”, apuntou Caballero, engadindo que o Goberno de España destinará 72 millóns de euros para realizar a conexión dende Atios (O Porriño).
O alcalde lembrou que xa llo reclamara a Rajoy e “dixera que non, que non o facían, que eles non ían traer a alta tensión eléctrica a Vigo”. Coa chegada de Pedro Sánchez á presidencia, tras a moción de censura do 2018, Caballero explicou que “na primeira programación que fixeron, acabados de chegar, non incluíron a Vigo” e “efectivamente fixen a presión e falei co presidente e con Teresa Ribera e conseguímolo”.
Neste sentido, quixo remarcar que “a miña presión é sempre a favor de Vigo, goberne quen goberne”, e fixo fincapé en que “isto diferéncianos co Partido Popular, que só mete presión cando goberna o PSOE”. Por último, destacou a importancia da moi alta tensión porque sen ela "non progresa a economía, non progresa a industria e nin sequera Stellantis podería continuar”, e neste intre “xa temos o trazado feito, porque xa é unha realidade e Stellantis recoñece que vai haber asignacións de coches novos porque temos a alta tensión eléctrica camiño desta cidade”.