Vigo consolídase como a cidade turística máis importante de Galicia en 2025
Abel Caballero destacou que Vigo lidera a comunidade en número de visitantes segundo datos do INE medidos a través da telefonía móbil.
O alcalde afirmou que a cidade se sitúa “con ampla diferenza” como a máis turística de Galicia en 2025, segundo datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), medidos a través dos datos dos teléfonos móbiles.
Segundo explicou, “en todo 2025 Vigo é a cidade máis turística de Galicia”, consolidando unha tendencia que tamén se confirmou no mes de decembro, no que a cidade rexistrou cifras de visitantes que, segundo destacou, foron “practicamente equivalentes ás da Coruña e Santiago xuntas”. Así, subliñou que Vigo é xa “unha potencia turística”, cun crecemento sostido tanto no ámbito nacional como internacional. “Portugal redescobre Vigo e chega de forma masiva, pero tamén recibimos visitantes de Francia, Alemaña, Países Baixos, Estados Unidos e moitos outros países”. A cidade é “líder” no conxunto de Galicia, recalcou.
O alcalde defendeu que o posicionamento actual de Vigo como principal destino turístico galego é froito do traballo desenvolvido polo goberno municipal. “Cando chegamos ao goberno, turisticamente nin existiamos. Hoxe somos a referencia en Galicia”. Neste sentido, remarcou que é o Concello quen asume o esforzo inversor na promoción da cidade, apostando por un modelo que —segundo indicou— está a xerar “miles e miles de empregos, valor engadido e unha intensa actividade económica”.
Vigo rexistra 304.136 habitantes
O alcalde deu conta do número de habitantes empadronados en Vigo, que ascende a 304.136 persoas. Isto supón case 2.000 persoas máis que ao peche do ano 2025. “Isto quere dicir que Vigo ten un dinamismo activo de poboación que se empadrona na cidade”, afirmou.