“Estaremos ao carón das persoas afectadas” pola obra da autovía en túnel
O alcalde mantivo un encontro este martes coa alcaldesa pedánea de Bembrive para abordar o proxecto da autovía A52 e a necesidade de que as familias afectadas vexan “recoñecidos os seus dereitos”.
Abel Caballero trasladoulle a Patricia Otero a importancia para a cidade da autovía A52 en túnel, xa que “acabará cos accidentes de Tameiga”, onde moitas persoas perderon a vida, implicando a “redución absoluta do tráfico no punto negro máis importante de España. É unha zona dramaticamente perigosa e chega 30 anos tarde. Somos a única cidade que non temos unha autovía e vai ser extraordinariamente boa. Era unha demanda histórica” de Vigo.
Para Caballero, a infraestrutura é unha “demanda imprescindible do interese xeral de 300.000 persoas e da área metropolitana” e recalcou que “tanto o goberno de Vigo, como a Pedanía de Bembrive e o Goberno de España imos estar ao carón das persoas afectadas porque hai que recoñecerlles os seus dereitos e teñen que ser tratados de cordo con todos os seus dereitos e os que teñan que ser indemnizados deberán selo na forma conveniente para poderen reubicarse”, explicou.
Con todo, aínda non se sabe o número total de vivendas que poden verse concernidas polo novo trazado porque “soamente coñecemos a primeira versión do proxecto” e, nestes momentos, o Ministerio de Transportes está traballando nunha nova versión do mesmo.
O alcalde trasladou o seu compromiso de que desde “o goberno de Vigo estaremos ao lado de Bembrive e da cidade; ao lado da xente afectada”.
Tal e como recolle o actual proxecto, o trazado da autovía en túnel A52 que unirá Vigo coa saída de Porriño a Madrid contempla un gran nó que permitirá conectar o tráfico de todas as zonas da urbe directamente coa autovía á altura de Bembrive. Terá un orzamento de 400 millóns de euros, pagados na súa totalidade polo Goberno de España.