Escoitar

Estudiantes apostan pola promoción do sector audiovisual para fomentar o uso do galego

O pleno municipal xuvenil no que participou alumnado de centros de secundaria de Vigo acordou adoptar medidas de promoción da lingua galega entre a xuventude e cualificou de sobresaliente a iniciativa de "Noites Vivas".

xoves, 22 mai 2003
1053600719plenoxuvenil.jpg
Participantes no pleno xuvenil pola lingua
Os estudiantes analizaron a situación da lingua no concello de Vigo, con explicacións dos factores positivos e negativos do seu uso. Entre as propostas para fomentar o galego na cidade destacaron o programa da Concellería de Xuventude "Noites vivas".

Coincidiron en afirmar que seguen a existir prexuízos en moitos ámbitos da sociedade entre eles o ensino, a administración e o tempo libre. “Hai unha preocupante escaseza de galego no entorno: escóitase e falase pouco, polo que a distancia entre a nosa lingua e a vida diaria ás veces é moi grande e faise difícil atopar entornos galego-falantes”, afirmou unha das participantes.

A partir doutra das cuestións analizadas, os estudiantes cualificaron a administración como deficiente no cumprimento da legalidade no ensino e a discriminación lingüística en moitos colexios e institutos da cidade, quedando subordinado o idioma galego. Aseguraron que o contacto co galego mesmo na escola nalgúns centros de Vigo é escasísimo.

“Moita xente maior é modelo de autoodio e acómplexase da súa lingua, ou pasa dela, transmitíndonos á xente nova esa desvalorización polo galego, hai moita xente que non se baixou do carro da vergonza de falar galego e outra xente ten prexuízos”, sinalaron.

Outro dos apartados analizou o peso da historia desde os séculos escuros, pasando pola dictadura de Franco e a transición democrática, que viñeron marcados pola subordinación do galego. “O galego non consegue recuperar prestixio e segue a perder falantes”, dixeron.

O alumnado criticou a escaseza de materiais en galego para a xente nova e a infancia no ensino, na música, no cine, nos cíbers, nos xogos, nos locais que frecuentan os adolescentes.

Os estudiantes destacaron que os medios de comunicación case non empregan o galego. Localia, Televigo, as radios locais, os xornais Faro de Vigo, La Voz de Galicia e Atlántico, é dicir os medios locais, seguen a marxinar a lingua galega, segundo afirmaron.

“O galego recuperou prestixio e valor social gracias á súa introducción como lingua da administración e a escola, o galego é o noso símbolo identificativo como galegos e galegas, representa a nosa propia identidade, identíficase cada vez máis cunha parte da sociedade dinámica, activa, moderna e progresista, que quere progresar en galego”, foron outras das afirmacións xurdidas no debate.

"En galego temos unha creación cultural de calidade, por exemplo, na música faise rock, techno e hip hop, mais non se fomenta o seu coñecemento", dixeron. O galego é considerado por moita xente como unha ferramenta imprescindible para o desenvolvemento social, económico e laboral. Hai moita xente que está disposta a apoiar o fomento do galego, participando na súa promoción e a maioría dos vigueses móstranse decididos a apoiar o proceso de normalización.

Propostas

Entre as propostas para o desenvolvemento do galego na mocidade viguesa está a promoción do sector audiovisual mediante máis dobraxes de filmes de éxito e axudas á producción de filmes e curtametraxes da xente nova de Vigo.

A progresiva galeguización dos medios de comunicación locais e unha maior presencia do galego nos centros de ensino, onde en moitos casos nin se cumpren os mínimos da lei de normalización lingüística aprobada democraticamente son outras das reclamacións.

“Recoñecemos o importante esforzo a favor do galego de moitos centros e criticamos os que non o fan, polo que queremos facer unha chamada ao profesorado e ás autoridades para que asuman a promoción do galego de forma seria e sincera”, sinalaron. Outras propostas son unha maior presencia do galego nas actividades extraescolares, promocionar a música en galego e apoiar os grupos locais que aposten polo galego, facer festivais de música, gravar CDs, sacar revistas...

Ofrecer novas canles de televisión en galego cunha programación máis atractiva e abrir unha canle de televisión municipal para a xente nova feita pola xente nova tamén foron obxecto de comentario.
Descargar todas as imaxes