Escoitar

O Plan de infraestructuras deportivas marca as estratexias para os vindeiros 15 anos

O Plan de infraestructuras deportivas Vigo 2002-2018 senta as bases para as actuacións no eido deportivo para os vindeiros 15 anos, constituíndo un instrumento racional de traballo cara a completar as dotacións da cidade. O concelleiro de Deportes, Santiago Domínguez, presentou o documento, que espera contar co consenso de entidades, clubes e grupos políticos no prazo de seis meses.

mércores, 21 mai 2003
1053512840minoritarios.jpg
Espacio previsto para deportes minoritarios
O Plan foi redactado tendo en conta, dunha banda, as demandas cidadás de instalacións para a práctica de lecer, a equilibrar os equipamentos dos distintos barrios, e, da outra, as necesidades da competición deportiva de alto nivel. As accións previstas inclúen o investimento de 20.000 millóns de pesetas, "logrando situar a Vigo dentro das 10 cidades do estado máis importantes en materia deportiva", segundo afirmou Santiago Domínguez.

O proxecto estrela do Plan é a Cidade do Deporte, situado entre o campus universitario e a parroquia de Valadares, xermolo do futuro Centro de Tecnificación Deportiva Municipal de Vigo, unha institución de elite que contará con residencia deportiva, aulas, enfermería, áreas sociais... Sen embargo, as súas instalacións estarán abertas aos afeccionados, cunha ampla oferta para familias.

Ademais, a Cidade disporá de zonas de servicios, comercial, de auga, de ximnasios, polideportiva, residencial, exterior deportiva e verde. A súa construcción terá un custo de 9.000 millóns de pesetas, supondo o 50% de todo o programa de infraestructuras.

A Cidade do Deporte dará servicio á poboación viguesa pero tamén "aos cinco millóns de persoas que viven entre Vigo e O Porto", explicou o concelleiro quen considerou que o Plan e a súa aposta polo deporte pode configurar a idiosincrasia da cidade, atraendo investimentos.
Descargar todas as imaxes