Escoitar

O campamento de verán de Deportes ensina distintos aspectos do medio rural

O campamento de verán organizado pola Concellería de Deportes, en colaboración coa Fundación VIDE, que se desenvolverá en Muíños, no Parque Natural do Xurés, amosará distintas tarefas da cultura tradicional. Así, os nenos asistentes coñecerán de preto labores agrícolas-gandeiros e afondarán na historia de Galicia, a través das pedras da Vía romana XVIII que unía as vilas de Braga e Astorga, ao seu paso pola Baixa Limia. Ademais, os rapaces practicarán deportes como o piragüismo, a bicicleta de montaña ou a pesca con cana acompañados de monitores.

martes, 20 mai 2003
O concelleiro de Mocidade e Deportes, Santiago Domínguez, presentou o programa de actividades da iniciativa que se celebrará en dúas quendas, do 14 ao 22 de xullo, e do 4 ao 12 de agosto, con 40 nenos, de entre 8 e 12 anos, en cada turno.

O campamento está concibido para presentarlle aos máis novos o medio rural, cos seus medios de vida, contribuíndo á súa formación. Ao longo da súa duración prevense visitas aos veciños da zona integrándose nas súas rutinas cotiás.

Doutra banda, traballarase as capacidades de relación interpersoal dos menores mediante obradoiros que estimulen a súa creatividade, así como nas veladas de animación que terán lugar todas as noites.

Os participantes instalaranse no albergue xuvenil de Muíños, situado a carón dunha praia fluvial e rodeado dun bosque con máis de 4.000 árbores e 150 especies distintas. O complexo dispón de servicio médico.