Escoitar

Escolares participan no Día internacional dos museos no "Quiñones de León"

Co ánimo de facer partícipe á comunidade escolar do Día internacional dos museos, 18 de maio, o museo municipal "Quiñones de León" organizou a súa celebración o luns cunha xornada de animación cultural dirixida a escolares.

luns, 19 mai 2003
1053347197fotomuseo.jpg
Escolares participantes
Pola mañá pasaron polo museo máis de 300 nenos de idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos, de diferentes colexios públicos e privados de Vigo (Canicouba, Carmelitas, Pombal, Balaídos, Alba, San Fernando) e incluso de fóra (O Barco de Valdeorras).

As actividades tiveron que ver co lema que impulsou este ano o ICOM (O Consello Internacional de Museos), "Os amigos e os museos". Neste senso, a través dunha parodia de programa de televisión-concurso, os escolares averiguaron quen é e quen non é amigo dun museo divulgando especialmente quen foron "amigos ilustres" do museo municipal de Vigo (Marqués de Alcedo, Policarpo Sanz e Dona, Antonio Palacios, Alcalde Gregorio Espino).

Respecto os inimigos dos museos os nenos tiveron que descubrir que son as guerras (co caso recente dos museos de Bagdad); os axentes ambientais (humidade, couza, fungos...) e a xente desaprensiva como malos visitantes, ladróns e redes de tráfico ilegal de arte, o vandalismo, os espoliadores...

En xeral con esta celebración tratouse de divertir ó tempo de ensinar e familiarizar ós nenos e nenas co novo museo entendido como centro de ocio e coñecemento. Pola tarde o museo abre as súas portas ás familias para o aproveitamento das actividades programadas.
Descargar todas as imaxes