Escoitar

Aberto o prazo para solicitar subvencións para instalar sistemas de seguridade nos taxis

A presentación de solicitudes remata o 26 de maio, para o que será preciso adxuntar a documentación requirida.

venres, 16 mai 2003
A Comisión de Goberno, a proposta da Área de Tráfico, Seguridade e Transportes, aprobou as bases para adxudicación de subvencións para instalar sistemas de seguimento, localización e outros elementos de seguridade nos taxis, así como o prazo de presentación de solicitudes no Rexistro Xeral.

É necesario levar unha fotocopia compulsada do carné de identidade da persoa solicitante, certificado de non ter débedas coa Seguridade Social, certificado de non ter débedas coa Facenda Pública, certificado ou informe tributario de non ter débedas co Concello de Vigo e fotocopia compulsada do permiso de Circulación do vehículo. Ademais é preciso indicar a marca e modelo do sistema de seguridade elixido polo solicitante, entregar o certificado de homologación do sistema de seguridade elixido ou certificado de supera-la ITV, coa mampara instalada, factura pro forma do sistema elixido para instalar, ou fotocopia compulsada da factura no caso de que xa se levase a cabo a instalación e a certificación de ser titular dunha conta bancaria, expedido pola entidade bancaria respectiva, co fin de efectua-lo ingreso do pagamento da cantidade concedida.

A información complementaria está no Rexistro Xeral e na propia Área de Tráfico, Seguridade e Transportes para xeral coñecemento do colectivo interesado.