Escoitar

Obradoiro de pintura no Museo de Arte Contemporánea para fomentar o uso da lingua galega

O programa ¿Xogas?, en galego podemos ofrece un obradoiro de pintura sobre o Principiño, de Antoine de Saint-Exupéry, conmemorativo dos 25 anos de traducción ao galego polo escritor Carlos Casares o domingo 18 de maio ás 12:00 a carón do Museo de Arte Contemporánea con motivo da celebración do Día internacional dos museos.

venres, 16 mai 2003
Os obxectivos deste obradoiro son coñecer e valorar o contido do libro mediante a expresión oral, achegar os cativos ás diferentes mensaxes do autor a través da expresión artística e valorar cómo unha fonte literaria escrita na súa orixe nun idioma diferente ao noso pode traducirse a unha lingua como o galego sen perder o seu significado e a súa riqueza lírica.

Quérese potenciar a literatura en galego a través da expresión oral e escrita e empregar unha linguaxe verbal de forma axustada ás diferentes situacións habituais para expresar ideas, sentimentos, experiencias e desexos. Mediante a participación dos nenos neste obradoiro enriqueceranse e diversificaranse as posibilidades expresivas mediante o emprego de recursos e medios ao seu alcance. Ademais, preténdense respectar as diversidades lingüística e cultural dos pobos e individuos, desenvolvendo unha actitude de interese e respecto cara ao exercicio deste dereito.

Entre as actividades previstas está debuxar a partir da lectura para o que se lles repartirá aos participantes algunha das pasaxes vividas polo Principiño que terán que ler entre eles, mentres os máis pequenos escoitarán a lectura feita por un monitor. Cada grupo representará plasticamente mediante un debuxo as aventuras do Principiño nas súas viaxes colocando frases que fagan referencia ao planeta onde se atopa nese momento o protagonista.

Por medio da linguaxe os nenos decubrirán as distintas pasaxes do Principiño empregando imaxes como rosas, cartos, baobabs, años, homes de negocios ou planetas numerados. Nesta actividade utilizarase a linguaxe oral para estimular o uso do idioma galego.

O Principiño habitaba nun mundo particular formado por obxectos e personaxes que os nenos identificarán sen dificultade. Trala introducción ao conto, os nenos mergullaranse no universo particular do Principiño e realizarán un debuxo e unha descrición dos nomes de elementos que compoñen os elementos de cada planeta.

Os máis pequenos participarán nun xogo no que relacionarán aquelas palabras clave da obra de Antoine de Saint-Exupéry cos debuxos que realizou o propio escritor. A última actividade constitirá en vestirse con atributos propios do Principiño para trasladarse ao seu planeta e descubrir o pracer de viaxar a través dos libros.

Nestas actividades utilizaranse papeis, pinceis, témperas, ceras, textos impresos con distintas pasaxes do Principiño, moquetas, almofadas, teas para vestir, atributos para disfraces e debuxos de obxecto que aparecen no libro, entre outros materiais.