Escoitar

O Concello publica a "Revista do Voluntariado"

A concellería de Participación Cidadá acaba de editar a "Revista de Voluntariado" na que se recollen os puntos básicos das intervencións das últimas xornadas de voluntariado.

xoves, 22 mai 2003
1053601844revistavoluntariado.jpg
Portada da publicación
A análise do voluntariado na cidade de Vigo, o voluntariado dende as ópticas do público e do privado e as experiencias para o voluntariado son os temas que aparecen na revista. Os expertos que defenderon estes temas nas xornadas, celebradas en decembro, foron Santiago González Avión, coordinador territorial da Fundación secretariado Xeral Xitano; Pilar García Soidán, coordinadora da Área de Voluntariado; Susan Santos Morales, responsable do Programa de Persoas Maiores da Fundación La Caixa; Francisco Martín Frías, presidente e director xeral de MRW; Verónica García Boente, responsable de Voluntariado de Médicos do Mundo Galicia; Juan Pulido Álvarez, responsable do Programa de educación para a saúde e prevención de drogodependencias en adolescentes e Beatriz Gómez Ouro, da Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo.

A concelleira de Participación Cidadá, Mariló Cabaleiro, sinalou que desde as páxinas da revista se quere "achegar ós cidadás distintos xeitos de intervención, distintas impresións e experiencias que se están a levar a cabo desde entidades de diversa índole como a empresa privada, organizacións cunha traxectoria importante no ámbito do voluntariado e a administración co obxectivo común da consecución dunha sociedade máis solidaria e participativa".

Cabeleiro manifestou que o voluntariado xorde como resposta social ós problemas que a propia sociedade coñece e se sente capaz de abordar. Lembrou que os acontecementos co petroleiro "Prestige" son un exemplo, unha resposta áxil e sensible da cidadanía ante situacións extremas nas que a participación adquire o seu máximo significado desde os conceptos de solidariedade e xustiza.
Descargar todas as imaxes