Escoitar

Unha colección de instrumental de laboratorio exhíbese no museo "Quiñones de León"

O museo municipal de Vigo "Quiñones de León" e o Laboratorio Municipal presentan por primeira vez ao público a colección de instrumental científico e curiosidades pertencentes, a maior parte das pezas, á primeira metade do século XX.

xoves, 22 mai 2003
A colección de instrumental científico do Laboratorio Municipal de Vigo conforma un conxunto que reflicte, de forma fiel, a evolución do laboratorio e da súa actividade durante o século XX. A mostra pode visitarse do 22 de maio ao 21 de setembro de 2003 na sala de exposicións temporais do pazo-museo “Quiñones de León”.

A exposición non quere, sen embargo, ser unha simple mostra de obxectos senón tamén servir de recoñecemento ao importante labor que o laboratorio municipal vén desenvolvendo na cidade dende hai cen anos tanto no pasado como no presente. Con este obxectivo reconstrúese o nacemento do laboratorio e os seus primeiros e dífíciles pasos (tifus, gripe,etc.) e tamén se explica qué fai na actualidade mediante intervencións recentes como nos casos da lexionella ou da marea negra provocada polo “Prestige”.

O museo municipal está particularmente agradecido co laboratorio e o seu parque de desinfección pois, en colaboración co persoal de mantemento do museo, realizaron durante case catro meses un excelente e exhaustivo tratamento antixilófagos (couza e termes) que abarcou a totalidade do pazo e as coleccións. As claves deste tratamento poden seguirse no DVD preparado ao efecto e que pode verse na mesma sala de exposicións.

Débese agradecer finalmente a colaboración de Rafael Sisto Edreira e Ánxela Bugallo Rodríguez, membros do grupo de Historia da Ciencia do Seminario de Estudos Galegos, nas tarefas de asesoramento científico; e de Paz de la Peña Santos, nos traballos de documentación.

Horarios da sala:
Luns, martes, xoves e venres: 10.00-13.30 h/17.00–20.00h
Mércores: 10.00–20.00h
Sábados:10.00–13.30h

Accesos:
O acceso á sala pode facerse directamente pola entrada lateral do predio do pazo-museo á esquerda da principal, ou ben a través do museo. Libre e gratuíto, segundo aforo. Accesos e sala adaptada para persoas con mobilidade reducida.