Escoitar

Os youtubers Molaviajar, Familia Carameluchi e Rebeca Stones amosan Vigo estes días nas súas redes sociais

O Concello desenvolve durante os próximos catro días unha campaña de promoción da cidade e das Illas Cíes coa presenza dos youtubers Molaviajar, Familia Carameluchi e Rebeca Stones que, co hastag #youtubersvigo, contarán nas súas redes sociais a experiencia viguesa para os seus milleiros de seguidores co fin de que Vigo "estea en boca de todos". <br />

xoves, 9 xuñ 2016
1465476701youtube.jpg
Vigo será protagonista nas redes sociais durante os próximos catro días co hastag #youtubersvigo para promover a cidade, as Illas Cíes, a gastronomía a as posibilidades que ofrecen aos visitantes. O alcalde presentou a campaña esta mañá acompañado dos youtubers convidados a participar nela: Molaviajar e La Familia Carameluchi. Tamén forma parte do evento a youtuber viguesa Rebeca Stones, á que seguen máis de 400.000 persoas.

Abel Caballero amosouse "encantado" coa presenza en Vigo destes "líderes de opinión que xogan un gran papel e fan o seu traballo extraordinariamente ben" nas redes sociais e apuntou o obxectivo do encontro de que a cidade e as Illas Cíes ocupen o seu sitio, tendo en conta que o arquipélago "é a mellor paraxe do mundo; non hai nada igual, e que Vigo é a cidade máis bonita do mundo".

O vigués Adrián, autor xunto a Gosia de Molaviajar, explicou que con este evento "van poñer a cidade de Vigo no punto de mira de todas as redes sociais", co fin de que as riquezas gastronómicas, as praias e a cidade estean "en boca de todos". Na actualidade, a súa canle de viaxes en Youtube é a número un en visitas e nas súas redes sociais estarán contando estes días toda a experiencia.

Fran e Noewi, responsables da canle Familia Carameluchi, de carácter familiar, adiantaron que "amosarán aos seus seguidores como se goza destas terras, da comida, das praias, das illas para amosar a beleza" que teñen. Apuntaron que é a súa primeira visita á cidade e que "estamos alucinado coas paisaxes e todo o que vemos", que "non ten nada que envexar a California, San Francisco ou San Diego" onde viviron nos últimos anos. Cada día subirán un vlog á súa canle de Youtube que conta con máis de 260.000 seguidores

Durante os catro días que os youtubers estarán en Vigo coñecerán o esencial da cidade: hoxe xoves pasarán a xornada nas Illas Cíes; mañá venres estarán nos lugares emblemáticos: o Monte do Castro, o Casco Vello, o Porto ou a zona de compras do centro. O sábado pola mañá recorrerán a cidade no bus turístico, acompañados dalgúns dos seus seguidores que gañaron o premio da viaxe nun sorteo feito nas súas redes sociais. O sábado ás 17:00 horas desenvólvese o encontro dos youtubers cos seus cos seguidores nas redes sociais; será na Oficina de Turismo do Concello, no molle de Transatlánticos, un evento para o que se agarda a presenza de entre 500 e 1.000 persoas. A estadía remata o domingo pola mañá coa visita a Bouzas.


Descargar todas as imaxes