Escoitar

O goberno municipal dedica 282.000 euros ao fomento do asociacionismo veciñal e cultural

O Concello deu luz verde ás bases para que as asociacións veciñais e culturais da cidade poidan optar a subvencións que lles permitan desenvolver as súas actividades. Os 282.000 euros desta convocatoria distribuiranse en réxime de concorrencia competitiva.

mércores, 8 xuñ 2016
O goberno local aprobou as bases reguladoras para as subvencións do fomento do asociacionismo e da participación cidadá para este 2016. Serán 282.000 euros que se adxudicarán en réxime de concorrencia competitiva a calquera asociación cultural ou veciñal que cumpra os requisitos e forme parte do rexistro municipal de asociacións. O ano pasado concedéronse axudas a 39 asociacións, das que algunha delas recibiu achegas en varios dos conceptos establecidos: mantemento, equipamento ou obras e adquisición de inmobles.

Outro dos asuntos dos que deu conta o alcalde esta mañá foi un proxecto coa Federación de Bandas de Música Populares de Vigo para a organización de Vigo, un mar de bandas 2016. Cun orzamento de preto de 150.000 euros, participarán 9 grupos e cada un contará con dez actuacións. Esta achega, explicou o rexedor, tamén servirá para seguir a financiar o programa de Aulas de música nas bandas.

Na última reunión da Xunta de Goberno local tamén se deu luz verde a un convenio marco de colaboración coa Comunidade de Montes de Vigo para o desenvolvemento de actividades en materia medioambiental. Este acordo de cooperación inclúe, entre outros obxectivos, organizar actividades de información, sensibilización, educación e concienciación social; posta en marcha de andainas por rutas medioambientais que discorran total ou parcialmente por montes en mancomún; reparación da sinalización; limpeza das sendas dentro do termo municipal; divulgación de rutas e sendas ou limpeza e salubridade de fincas para evitar incendios.